Ana Pontón levará ao Parlamento a creación de tres xulgados de violencia de xénero e pide un “cordón sanitario” contra o discurso negacionista

Ana Pontón
Ana Pontón
O BNG propón destinar á loita contra o machismo o 1% do orzamento da Xunta porque se precisan máis recursos e medios para axudar ás mulleres

A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo o foco na onda de casos de terrorismo machista en todo o Estado que, no caso de Galiza, ten a unha veciña de Carballo debaténdose entre a vida e a morte,  todo isto nun contexto negacionista da violencia contra as mulleres por parte da extrema dereita e dunha parte da dereita, contra a que a líder do BNG propón un cordón sanitario.

“Non podemos aceptar como inevitable a violencia machista, o que se necesita son máis recursos e medios e accións para axudar as mulleres. Hai que ir máis aló do que se está a facer porque é evidente que non abonda, ademais de confrontar un discurso negacionista dunha parte da dereita que provoca unha indefensión maior nas mulleres e, por iso, é importante que haxa un cordón sanitario contra este discurso negacionista porque a violencia machista mata”, explicou a líder nacionalista hoxe de visita en Allariz.

A portavoz nacionalista explicou que a semana pasada houbo unha reunión de seguimento do pacto de investidura co PSOE, que concluíu co compromiso de avanzar na creación de tres xulgados específicos contra a violencia de xénero, -Santiago, Lugo e Ourense-, para axilizar a protección legal e dar resposta rápida ás denuncias que se interpoñan. “Pero para iso é preciso o apoio unánime do Parlamento galego e levaremos á Cámara esta petición, espero que se consiga esa unanimidade para que eses tres xulgados sexan unha realidade canto antes”, indicou.

Tamén urxe Pontón a aumentar os recursos públicos para combater a violencia de xénero, e reiterou que o BNG vai seguir reclamando, “facendo casus belli”, para conseguir que se destine á loita contra o machismo un 1% do orzamento da Xunta, un euro de cada cen a aumentar os medios para combater a violencia contra as mulleres polo mero feito de selo: “Para que se traballe máis na prevención, na educación en igualdade e para axudar as mulleres que soportan esta situación de violencia”.

“A violencia vai en aumento e aínda hai moitas vítimas que non se atreven a denunciar,  e obriga dos poderes públicos activar todas as medidas para que ningunha muller se sinta soa, para que confíe no sistema”, subliñou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG