Ana Pontón insta a mobilizarse este 25X a todas as persoas que reivindican Galiza e unha saída da crise “xusta e social”

Ana Pontón
Ana Pontón

Destaca que “a principal preocupación do BNG son as condicións de vida dos galegos e das galegas ante a maior crise de prezos en corenta anos”

Presenta a campaña que o Bloque desenvolverá por todo o País con motivo do Día da Patria, co lema Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña do BNG con motivo da celebración do Día da Patria que desenvolverá por toda Galiza e culminará coa gran manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela, unha campaña que este ano leva por título Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha. A líder do Bloque instou a participar nesa manifestación a todas as persoas “que queren unha saída xusta, social e galega” da crise.

“Co lema deste 25X queremos trasladar a mensaxe de que o cambio político está en marcha co BNG, cambio que pasa por facernos valer como País”, indicou Pontón, que fixou un chamamento “a sumarse a unha manifestación a toda as persoas que reivindican Galiza e que reivindican unha saída xusta, social e galega a esta crise económica”, destacou, tendo en conta que este Día da Patria “ten como singularidade” a escalada de prezos que impacta na maioría social e ten tamén como pano de fondo “unha situación de cambio político que se vai deixar sentir xa nas eleccións municipais”.

Neste contexto, o Bloque está poñendo sobre a mesa propostas solventes para axudar ás familias, á clase traballadora, ás persoas autónomas e ás pequena e medianas empresas que sosteñen a maior parte do emprego.

“Todos os gobernos deberían poñer ás persoas no centro das súas políticas, salvar a economía real, salvar á maioría social e evitar que esta crise a paguen os mesmos, as mesmas de sempre. As condicións e vida dos e das galegas é, a día de hoxe, a principal preocupación do BNG ante a maior crise de prezos e corenta anos”, explicou.

Unha escalada inflacionista ante a que non dan solucións nin o goberno do Estado, nin o goberno da Xunta, “máis alá de parches pero sen aportar medidas valentes para que os pratos rotos da crise non os paguen, como sempre, a maioría social”, lamentou a líder nacionalista.

Pontón criticou que a un Executivo do PP “ausente e con presidente insubstancial que en vez de aportar solucións busca escusas e a quen botar a culpa”, pero tamén a un Goberno central que no medio dunha crise de prezos “prioriza o gasto militar sobre os servizos públicos e á recuperación económica”. En contraposición, Pontón coloca ao BNG como a forza política “da maioría, un espazo de cambio, de ilusión e de esperanza para esa maioría social”.

“Este 25X é un día para reivindicar que ganen os e as traballadoras, as familias, as persoas autónomas e as PEMES e, por iso,  convidamos a mobilizarse a todas as persoas que queren que nesta crise gane a maioría social fronte ás eléctricas, as pretoleiras e ás grandes multinacionais, convidamos, en definitiva, a mobilizarse a todos os galegos e galegas que defenden algo de tan sentido común como que un traballador e traballadora poidan chegar a fin de mes”, argumentou Pontón durante a presentación da campaña.

En definitiva, este Día da Patria “queremos unha gran manifestación para reivindicar unha saída xusta da crise, a todas as persoas que levan Galiza a cabeza e no corazón, que saben que outra Galiza é posible, sabendo que estamos cada día máis cerca do cambio político que precisa este País”, reiterou.

O BNG é a “ferramenta” para ese cambio galego e seguirá traballando “con humildade pero con toda a convicción para seguir sumando máis cidadanía para ese cambio”, e cada vez hai máis galegos e galegas que se preguntan porqué temos que depender dos alimentos de fora mentres temos un rural abandonado; porqué temos o territorio cheo de eólicos e encoros pero pagamos unha factura desorbitada ou porque no noso litoral e no noso mar deciden a centos de quilómetros nos despachos de Madrid.

“Cada vez son máis as persoas que queren un cambio e saben que o BNG é o motor dese cambio para construír unha Galiza mellor”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG