Debate sobre o estado da nación galega 2019

Ana Pontón: “Feixóo fixo o discurso dun presidente esgotado, sen proxecto, instalado nos mundos de yupi de Montepío”

Urxe poñer en marcha un novo tempo que deixe atrás a subordinación a Madrid para construír unha Galiza con futuro, declara a líder do BNG
Á espera da intervención na que debullará as propostas do BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha valoración inicial do discurso do presidente da Xunta no debate de política xeral, que retrata a un Feixóo esgotado e sen proxecto de futuro para Galiza.

“É o discurso dun presidente esgotado e sen proxecto de futuro que ven coas mans baleiras porque xa non ten nada que ofrecer a xente deste país”, sinalou,  ademais de reflexar que está fora da realidade.

“Hai que vivir nos mundos de yupi de Montepio para dicirlle os  galegos e as galegas que hoxe vivimos mellor que fai dez anos, e demostra que está nunha especie de realidade paralela ignorando o día a día da maioría social deste país, que non é fácil, porque hai moitas persoas que fan números para chegar a fin de mes, moita xente nova que quere emanciparse e non ten oportunidades, seguimos con problemas gravísimos na sanidade e con pensións que deixan moito que desexar”.

Ten tan pouco que ofrecer, recalcou,  que acude “o baúl dos recordos para rescatar proxectos dos anos 90”, - como Galiza Calidade (1995) ou o Xacobeo (1993)-,  como grandes aportacións-,  “pero estamos no século XXI e hai que dar resposta ao país de hoxe con retos moi importantes por diante”.

Pontón insistiu en  que “o fin de dez anos de goberno deixan a imaxe dun presidente sen proxecto, esgotado e sen ideas, dun Feixóo que asiste o seu último debate como xefe do Executivo porque non ten nada que ofrecer”, denunciou, para dar paso a tres reflexións.

En primeiro lugar, non é posible afrontar os desafíos de futuro “cun goberno do século XIX que rescata propostas do século XX cando estamos no século XXI con retos como plantar cara á crise demográfica, á crise industrial,  á crise ambiental e a crise de autogoberno que nos deixa está década de Feixóo”.

Como segunda reflexión, advirte que Galiza pasou “da subordinación á irrelevancia”, de tal xeito que, a día de hoxe, “o único obxectivo de Feixóo é manterse el e o PP no goberno, pero non está en condicións de darlle a Galiza o impulso que necesita”.

E, como terceira reflexión, Pontón destacou que o país ten futuro “se somos capaces de cambiar a subordinación a Madrid por un proxecto propio, porque agora Galiza non está na axenda do Estado, non está no debate, non está nas negociacións, non está no orzamento, non está nos investimentos. Temos que pasar a páxina da subordinación a Madrid e abrir unha nova etapa, un tempo novo para marcar a nosa axenda ante o Estado e no noso país”.

O BNG, man a man co país

A líder do BNG tamén fixo fincapé na falta de propostas para temas claves como o financiamento, -“porque a solución non está en mendigar 700 M€”-, nin para o autogoberno, -“cando vai ser un debate central”- no conxunto do Estado. Desde o Bloque, subliñou, “imos poñer sobre a mesa propostas a favor dos nosos sectores produtivos, facer da innovación un eixo de desenvolvemento,  defender políticas de igualdade e dos servizos públicos”.

“Asistimos o último debate de Feixóo como presidente, e para que Galiza teña futuro non pode ter futuro o goberno do PP. Daremos conta do proxecto do BNG a favor dunha Galiza mellor que queremos construír man a man coa xente deste país”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG