Ana Pontón critica que o Goberno de Feixóo non teña modelo de financiamento e insiste nunha proposta con ambición de País

Ana Pontón e Noa Presas
Ana Pontón e Noa Presas

Demanda un sistema no que Galiza deixe de estar infrafinanciada fronte ao Estado, pese a ser a que presta os servizos máis importantes á cidadanía

Medidas para avanzar en soberanía financeira: 90% do IRPF e IVE, cesión do Imposto de Sociedades e que tributen aquí as empresas con actividade económica no País

A portavoz nacional, Ana Pontón, asumiu a réplica ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na comisión de debate para un novo sistema de financiamento criticando que na súa exposición só quedase claro que o Goberno de Feixóo non ten modelo de financiamento para Galiza ou, cando menos, non o explica en sede parlamentaria.

“Son partidarios de aumentar a porcentaxe da cesión do IRPF ou do IVE, de reclamar o imposto de sociedades?”, interpelou a líder do BNG, “cal é o peso que propoñen para os diferentes criterios de ponderación como a dispersión ou o envellecemento, porque non se concreta. Da mesma maneira, o Goberno de Feixóo apoia que se inclúan criterios relevantes como a emigración, as características xeográficas ou o feito de ter unha lingua propia?”, preguntou na súa intervención.

Igualmente, Pontón pediu concreción sobre a posición do Executivo de PP sobre a débeda histórica en sanidade, por unha transferencia á baixa, ou sobre a débeda en dependencia derivada dos recortes do Goberno de Raxoi; e tamén reclamou unha resposta do conselleiro a respecto dunha fiscalidade verde ou de lograr que as empresas que teñan actividade aquí, mesmo usando recursos naturais como as eléctricas, tributen aquí.

A portavoz nacionalista insistiu en que a posición do BNG pasa porque Galiza teña o control do 100% dos seus recursos a través dun concerto económico, “apostamos por responsabilizarnos do noso e defendemos un modelo desde a confianza e con ambición de País, rompendo co tópico de que vivimos da solidariedade do Estado”, alegou. Pero tamén puxo sobre a mesa propostas que permitan avanzar cara a unha maior soberanía financeira aínda dentro do marco actual.

Entre esas propostas, ampliar até o 90% a porcentaxe da cesión do IVE e do IRPF, reclamar o  imposto de sociedades, que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva aquí e avanzar nunha fiscalidade verde para loitar contra a emerxencia climática. Igualmente, en relación á cuestión da distribución dos recursos dun modelo de financiamento futuro, debe terse en conta o custe da prestación do servizo, algo que non se está cumprindo.

De feito, o peso da poboación axustada de Galiza sobre as CCAA de réxime común caeu do 7,59% de 1999 até un 6,56% de 2020, sen que responda a ningunha lóxica posto que a prestación de servizos como a sanidade, educación ou a dependencia son precisamente máis custosos de impartir nun territorio cun alto nivel de dispersión e cunha poboación moi envellecida.

A modo de exemplo, a prestación sanitaria que require unha persoa maior de 65 anos triplica a que necesita recibir un usuario por debaixo desa idade, ou o custe adicional da dispersión nunha Galiza que concentra case o 15% dos centros de saúde do Estado. Tamén é maior o custe do servizo de urxencias e do transporte programado e urxente, e o mesmo se podería aplicar na educación ou na dependencia, cuestións todas que deben terse en conta no deseño do novo modelo de financiamento autonómico.

Criterios de ponderación

E para iso, o BNG defende un cambio na ponderación de criterios como envellecemento, que debería pasar do actual 8,5% ao 15%; a dispersión, que apenas computa un 0,6% e debería aumentarse até o 4,2%,ou que se inclúan novas variables como a da emigración, polos custes que implica a prestación de servizos a residentes no exterior, así como as características xeográficas e ambientais dun territorio condicionado por 1.200 quilómetros de costa, ou o feito de ter unha lingua e cultura propias que debe ser obxecto de mellor atención no financiamento para contribuír a súa plena normalización.

“Precisamos máis financiamento”, recalcou Pontón como premisa básica, despois de expoñer como reflexión que Galiza está infrafinanciada en relación ao Estado pese a seren as comunidades autónomas as que prestan os servizos básicos para a cidadanía, como sanidade, educación ou ás prestacións sociais. Pontón concluíu reclamando do Goberno de Feixóo que “faga valer” os intereses dos galegos e das galegas, “e iso no se logra con frontes comúns que dilúen as especificidades que temos en materia de financiamento”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG