Ana Pontón: “O centralismo é un problema para os galegos e galegas porque xera un marco que produce asimetrías e desigualdades”

play_arrow Bonaval

Avoga por un “futuro galego e republicano, de igualdade, xustiza social,  desenvolvemento económico, emprego e dereitos para todos e todas”

Cualifica de anomalía democrática a corrupción económica das elites e da Casa real que  PSOE, PP e Vox impiden investigar no Congreso

Critica que os socialistas galegos dean por bos uns orzamentos do Estado que discriminan a Galiza 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,   afirmou que o “centralismo é un problema para os galegos e galegas porque xera un marco que produce asimetrías e desigualdades”. No transcurso da súa alocución, celebrada hoxe no Panteón de Ilustres Galegos acompañada, do deputado no Congreso, Néstor Rego, deputados e deputadas no Parlamento galego e membros da dirección nacionalista, Pontón avogou por “un futuro galego e republicano, de igualdade, xustiza social, desenvolvemento económico, emprego e dereitos para todas e todos”.

Na súa intervención, criticou que “a esquerda e a dereita españolas se unan para adorar á constitución”. “Nós -aseverou- seguiremos cuestionando este réxime, exercendo o pensamento crítico e abrindo un debate que agocha a sacralización dun texto que os partidos estatais, PSOE, PP, pasando por C´s e VOX, converten nunha reliquia á que hai que adorar”.

A posición do BNG é coñecida, “esta non é a nosa constitución”, recalcou para lembrar que o  BNG traballou  por unha ruptura co réxime franquista, “non por un pacto coa ditadura”. “Nós apostabamos por deixar atrás o anacronismo dunha monarquía corrupta”, recalcou, dado que “non somos súbditos e  tiñamos claro que democracia é recoñecer a Galiza como nación e con dereito á autodeterminación porque o Estado español é plurinacional”.

“O tempo ven a darnos á razón -explicou- e moitos  dos escándalos que levamos vivido nestes anos, teñen orixe nese pacto co franquismo que  permitiu a impunidade e a continuidade do franquismo na xustiza, no exército, na política, na economía”, asegurou para continuar asegurando que “sobreviviu tanto, que até o sucesor designado por Franco é hoxe o rei emérito fugado”.

Pontón cualificou de “perigo democrático” ás cúpulas militares “trufadas de franquistas que  escriben  nos seus chats o que pensan e que o farían se puideran”. “Por certo -advertiu- uns feitos gravísimos, que requiren moito máis que un chío nas redes ou unha declaración aos medios de comunicación”. “Agardemos que non volva repetirse a impunidade!”, exixiu.

A Constitución apuntalou o centrismo de Madrid

Para Pontón, a Constitución “blindou o Madrid do centrismo”; “Madrid é unha aspiradora que concentra e absorbe o investimento, as grandes empresas, o talento,  os centros de decisión política, económica e financeira”. Neste sentido subliñou que o “centralismo é un problema para os galegos e galegas, porque xera un marco que produce asimetrías e desigualdades”.

Segundo recordou a portavoz nacional, “a cidade que máis axudas recibe da PAC é Madrid, 9 de cada dez contratos estatais xestiónanse desde Madrid, o 60% da adxudicacións fanse a empresas con sede en Madrid e o 29% dos traballadores públicos estatais concéntranse nesta cidade, as sedes do poder político, xudicial ou financeiro concéntrase en Madrid”. “Isto non pasa en estados realmente descentralizados como Alemaña: Berlín é a capital política, Frankfourt, a económica, e Munich a xudicial”, aseverou.

“Se facemos un balanzo desde Galiza, vemos como nestas décadas se cronificaron ou agudizaron os problemas: a crise demográfica, a mocidade segue emigrando, a industria está en crise e o noso idioma retrocede”, manifestou logo de lembrar que “Galiza perde peso demográfico, económico e non converxemos, mentres que Madrid duplica a súa poboación e incrementa exponencialmente a súa riqueza”. “É o resultado dun deseño político no que o centralismo converte a  Madrid nunha aspiradora de inversións, de poder político e económico, financeiro, cultural e xudicial, mentres Galiza recibe discriminacións a agravios”, recalcou.

“Os socialistas galegos dan por bos uns orzamentos do Estado que discriminan a Galiza”  

Para Pontón, os orzamentos do Estado son peores que os do PP que, segundo subliñou, “xa discriminaban a Galiza e o propio  PSOE cualificaba de  raquíticos e da falta de peso político de Feijóo”. “Sen embargo, dous anos despois -alertou- presentan unhas contas que baixan 104 millóns as inversións para Galiza mentres soben en Cataluña, Valencia ou Andalucía até un 57%”.

“É triste ver aos socialistas galegos, facendo o mesmo papel que  o PP cando gobernaba Rajoy: dar por boa a discriminación a Galiza   facéndolle a ola a uns orzamentos que nos maltratan”, se  en vez de atacar ao BNG, se dedicaran a traballar polos galegos e polas galegas, mellor nos iría. O problema, remarcou Pontón, é “a anulación de Galiza”; “non están boicoteando ao BNG, boicotean a Galiza”, subliñou.

Moito nos tememos que a discriminación nas contas do Estado, é a antesala do que vai pasar cos fondos europeos para a reconstrución económica. “Todo apunta unha nova recentralización duns fondos que polo que levamos visto acabarán servindo para seguir engordando o centralismo madrileño e alimentando as multinacionais e ao IBEX-35, e non á economía real, nin as persoas que o peor o están pasando nesta crise”.

“Os que hoxe veneran a Constitución queren seguir mantendo todo atado e ben atado e Galiza necesita desatar os nos que están limitando o noso potencial”, asegurou para reclamar a continuación: “necesitamos con urxencia ter máis poder político, facernos valer e reclamar un novo marco que nos dea capacidade para protexer e erguer Galiza da crise que nos deixa a COVID”.

“Se queremos cambiar o rumbo, temos que mover o centro de gravidade”. Se Galiza quere ter solucións aos problemas económicos, sociais, ecolóxicos a demanda feminista temos que gañar poder político e poder económico, temos que facernos valer como país”, incidiu a portavoz nacionalista.

Non celebramos a Constitución, senón  a vontade de existir dende nós

“Este 6 de decembro non celebramos unha Constitución que se usa  como arma contra a diversidade, os dereitos e a propia existencia de Galiza como nación. Nós hoxe celebramos a nosa vontade de existir, de ser, de estar no mundo desde nós. A nosa vontade de construír a Galiza do futuro, unha Galiza máis forte que a de hoxe, máis xusta que a de hoxe, máis viva e dinámica e próspera que a hoxe, unha nación aberta, plural, diversa e consciente de si, decidida a vivir no mundo sen ataduras e sen límites”, resumiu.

Pontón concluíu lembrando que  este ano celébrase o centenario da revista Nós, que deu nome a unha “xeración irrepetíbel que soñou unha Galiza universal, dona de si, unha nación sen límites”. Seguindo o seu exemplo, fronte a quen usa símbolos e marcos legais desde a imposición, nós hoxe tendemos a man para construír futuro desde nós, en branco e azul. “Un futuro en liberdade, do que a sociedade galega ten que poder ser protagonista”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG