Afectad@s pola estafa das preferentes esixen na Eurocámara a devolución íntegra dos seus aforros

Afectad@s pola estafa das preferentes esixiron na Eurocámara a devolución do 100% dos aforros incautados pola banca, a través do que cualificaron como "roubo masivo e planificado".

A Coordinadora de Plataformas de Afectados polas Preferentes e Subordinadas acudiu á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo onde o seu portavoz, Xesús Domínguez, expuxo directamente os contidos da denuncia presentada.  Durante o debate, o BNG reclamou "unha resposta política clara" da Eurocámara ao Estado español para conseguir que os miles de afectados pola estafa, -80.000 en Galiza-, recuperen a totalidade dos seus aforros.

"Despois de escoitar aos afectados explicar como a banca puxo en marcha unha estafa masiva para apropiarse dos aforros de miles de persoas, o Parlamento Europeo ten que dar unha resposta política clara e decirlle ao Estado español que a única alternativa tolerable é que os cidadáns recuperen a totalidade dos seus aforros", explicou a eurodeputada Ana Miranda.

"Foron estafados pola mesma banca que recibiu rescates millonarios  desde a propia  UE con recursos públicos,  no caso de Novagalicia Banco, 5.425 millóns de euros", argumentou.

Na Comisión de Peticións,  Miranda criticou a "deixación de funcións do Estado español e da Xunta para dar unha resposta económica e política que supoña unha solución real para as miles de familias estafadas".

Neste sentido, Miranda tamén demandou á Comisión Europea que, como Executivo da UE, "actúe". "A  Comisión non pode limitarse a dicir que lle corresponde aos estados facer cumprir a normativa europea en materia de protección dos usuarios da banca e, ao tempo, dar millóns de euros de recursos públicos para rescatar aos mesmos bancos que incumpriron esa normativa. Non se pode permitir esta impunidade", salientou.

Dación en pago

Miranda tamén fixo referencia aos afectados por procesos de desafiuzamentos que, só en 2012, tiveron como consecuencia que a banca se quedase con 40.000 primeiras vivendas, tras a intervención da portavoz da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Ada Colau.

"Estafados polas preferentes e desafiuzamentos son os dous exemplos máis visibles de como son as víctimas da crise  as que pagan as consecuencias, mentres que a banca, causante principal desa crise, reciben millonarias aportacións públicas para ser rescatada", argumenta Miranda, quen reclamou a  dación en pago.

O BNG solicitou que a Comisión de Peticións manteña abertas as denuncias presentadas tanto polas Plataformas de Afectados polas Preferentes como pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca ata que os cidadáns reciban "unha resposta satisfactoria as súas lexítimas demandas".

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG