8 de xuño, Día da Visibilidade Lésbica Galega

Marcela e Elisa
Marcela e Elisa
8 de xuño, Día da Visibilidade Lésbica Galega

Por moito que nola queiran ocultar e negar, a Galiza ten historia nacional de seu que merece ser coñecida e divulgada, e en todos os ámbitos, incluída a historia do movemento LGBT.

Deste xeito, para alén de conmemorarmos o Día Internacional da Visibilidade Lésbica cada 26 de abril, celebramos tamén o noso Día de Visibilidade Lésbica Galega para lembrar o 8 de xuño de 1901, a data en que Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron na Igrexa de San Xurxo na Coruña e se produciu así o primeiro matrimonio de que se ten rexistro entre dúas mulleres.

Estas dúas pioneiras que desafiaron a moralidade da época para poderen vivir a súa sexualidade libremente fan parte dun longo elenco de mulleres lesbianas, rebeldes e inconformistas que se remonta no noso país á parella conformada por Sancha e María, que viviron en Compostela no século XIII e cuxa historia coñecemos grazas ao traballo do investigador Carlos Callón.

Mais, infelizmente e aínda hoxe, séculos despois do valioso exemplo destas e outras lesbianas galegas e de todo o mundo, a continuada discriminación que padecemos as mulleres en xeral e as lesbianas en particular vese exacerbada polas políticas reaccionarias, misóxinas e heteropatriarcais impostas polos gobernos do Partido Popular, sobre todo no sistema sanitario e no momento de accedermos ás consultas xinecolóxicas ou aos tratamentos de reprodución asistida.

Desde o BNG seguimos a dicer alto e claro que xa é hora de rompermos co silencio e a invisibilización a que estamos abocadas as lesbianas do noso país. Reivindicamos un novo modelo de familia e de relacións interpersoais que transcenden as normas impostas polo sistema heteropatriarcal. Seguiremos a loitar sen descanso para construírmos unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria onde ninguén sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero.

A República Galega pola cal nós loitamos erixirase sobre os alicerces da soberanía nacional e da soberanía dos nosos corpos.