Vence: "É inmoral que a banca teña beneficios mentres hai 500M€ estafados polas preferentes"

Protesta social pola estafa bancaria en Santiago

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na manifestación convocada polas plataformas de afectados polo roubo das preferentes de todo o país concentrados en Santiago, e reclamou a inmediata devolución dos 500 millóns de euros estafados que aínda non recuperaron os afectad@s tras meses “de loita e sufrimento”.

PREFERENTES

“Son moitos meses xa de sufrimento loitando pola recuperación dos seus aforros que lles foron estafados tanto pola banca como pola lei do PP. É absolutamente inmoral que a estas alturas, cando a banca xa está tendo beneficios extraordinarios, que o PP non tome unha decisión definitiva para devolverlle os aforros estafados”, criticou Vence.

O dirixente nacionalista considera “inadmisible” que o PP en Madrid, co silencio cómplice do Goberno de Feijóo, “estea inmerso na estratexia de vender a entidade financeira cando xa ten beneficios millonarios, unha entidade como NGB que é capaz de devolver 1.100 millóns de euros a Bruxelas pero que, en cambio, non ten 500 millóns para devolver aos estafados. É unha absoluta vergoña”, salientou o portavoz nacional.

Vence foi rotundo ao esixir ao PP “que derogue a lei que consuma a estafa” e se comprometa “en serio” cos aforradores afectados polo roubo. Igualmente, reclama a consolidación de NGB en Galiza como banca pública, evitando o espolio definitivo do aforro galego que planean o FROB e o Goberno central, “mentres a Xunta presidida por Feijóo cala”.

“Como contribuíntes temos aportado 9.000 millóns de euros en NGB aos que hai que sumar os centos de millóns estafados polas preferentes e subordinadas, o que lle permite a entidade ter beneficios neste momento. Polo tanto, razóns sobradas para, por un lado devolverlle o diñeiro aos estafados e, por outro lado, que o diñeiro dos contribuíntes se utilice para consolidar NGB como a banca pública galega”, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG