Vence: "Alguén se imaxina que se pode producir leite a 29 céntimos cando en 2008 se pagaba a 45?"

Xavier Vence, portavoz nacional

Xavier Vence, portavoz nacional

O BNG advirte que o sector lácteo está nunha situación “dramática” asfixiado por unha caída continuada do prezo do leite por imposición das industrias e distribuidoras, que provoca á ruína dos produtores e o peche de explotacións. E todo, co consentimento do Goberno de Feijóo.

“Pero alguén se imaxina que hoxe se pode producir un litro de leite a 29 céntimos cos custes que teñen que asumir os gandeiros e gandeiras?”, se preguntaba o portavoz nacional, Xavier Vence, tras indicar que en 2008 o prezo estaba en 45 céntimos. O máis grave, denunciou, é a “inacción” do Executivo galego, incapaz de defender en Madrid un sector que representa o 40% do total español.

Árbitro publico

A solución para o BNG: garantir contratos e prezos xustos para os produtores na súa relación coas industrias evitando que se impoñan condicións “leoninas” e o incumprimento sistemático da figura do contrato homologado. De feito, o 60% das empresas se negan sequera a asinar estes contratos pese a ser obrigatorios para equilibrar a capacidade de negociar entre as partes. Neste sentido, o Bloque demanda a creación da figura dun “árbitro público” que dirima os incumprimentos nos contratos.

Non é a única medida. O BNG aposta por sacar adiante unha “proposta de país” que inclúa a creación dun grupo lácteo galego, -vella reivindicación á que non renuncia-, reforzar a interprofesional leiteira, diversificación para ganar valor engadido e apoio á produción de base cooperativa para reforzar a súa posición ante as cadeas de distribución ou mesmo asumila como parte da súa actividade económica.

Vence advertiu que o sector non ten futuro cun PP cercado pola corrupción e citou o caso deAlimentos Lácteos como exemplo de “trama corrupta formada polos amigos do PP de Romay Beccaría, Feijóo e Cañete que, en lugar de promover a planta de Outerio de Rei estragaron 9 millóns de euros recibidos do Igape e estafaron a centos de explotacións arruinadas polo impago das entregas de leite”, denunciou.

Traficantes de leite

Unha estafa que rematou nos xulgados e que, ademais, arruinou a opción de crear un grupo leiteiro galego baixo o liderado de Feiraco. Vence advertiu que este “despropósito” culmina coa venta da planta lucense a Logística Alimentaria, “outra empresa dos amigos do PP que son traficantes de leite en negro nos últimos anos a baixo prezo e que teñen como socio un grupo financeiro madrileño chamado Valparaiso”, denunciou.

De novo, subliñou, “intereses espurios que acaban por estragar a posibilidade dun grupo lácteo galego que xa Feijóo dinamitou pero que sigue necesitando Galiza”. “Precisamos unha estratexia propia para defender o noso sector, que está perdendo capacidade de producir pese a que se importou 318 millóns de quilos de leite en 2013 que veñen da Francia, Alemaña ou Bélxica”, sen esquecer o “incerto” horizonte que se abrirá cando en maio de 2015 desapareza o actual sistema de cotas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG