Davila presenta proposición con solucións ao grave problema dos desafiuzamentos

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha proposición non de lei na Cámara na que plantexa a reforma urxente da Lei Hipotecaria mediante a adopción dunha serie de medidas, e pide un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos.

Esta é unha nova iniciativa parlamentar do BNG que ten presentado proposición de lei e outras iniciativas sobre o grave problema dos desafiuzamentos. “Un problema que está chegando a un punto que resulta totalmente insostíbel, un drama social de dimensións preocupantes porque cada vez son máis as familias que son desaloxadas das súas casas. Fican sen fogar pero aos bancos non lles basta, a débeda sigue pendente a pesar de que perden as súas vivendas”.

A deputada do BNG pón de manifesto a existencia de casos verdadeiramente dramáticos, con familias e persoas que pagaron unha porcentaxe moi alta da hipoteca pero aínda así son desahuciadas”. Davila alude aos dados: os desfiuzamentos de familias aumentaron un 15% entre xaneiro e xuño, a xustiza autorizou 37.092 inmóbeis e se iniciaron 48.213 procesos de execución. Desde o ano 2007, houbo 395.000 desfiuzamentos.

A deputada do BNG critica o Código de Boas Prácticas aprobado polo Goberno de Rajoy. “De nada valen os panos quentes a un problema que exixe medidas contundentes, modificacións na Lei Hipotecaria, solucións lexislativas claras e firmes. O Código do Goberno foi meramente testemuñal”. Davila reprocha á banca ter recibido miles de millóns de euros de carto público pero “se amosa intransixente á hora de conceder créditos e tamén no tema das execucións hipotecarias, até o punto de deixar a familias enteiras na rúa. É un auténtico abuso bancario que obvia a responsabilidade bancaria cando anos atrás concedeu préstamos sen as adecuadas avaliacións”.

Davila sinala que son moitas as voces que se sumaron á exixencia de solucións, as últimas proveñen do mundo da xudicatura ou mesmo da Igrexa católica.

As propostas do BNG:

Neste sentido, a deputada do BNG aporta unha serie de medidas na proposición non de lei que serían as seguintes:

Reforma da Lei Hipotecaria: contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda; estabelecer un réxime especial no caso da ejecución de préstamos cando se refire a vivenda habitual ou negocios; contemplar moratorias para deixar o pago das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando haxa circunstancias económicas adversas; estabelecer a posibilidade de poder convertir a hipoteca nun aluguer; estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións ou modificar o réxime de tasación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acreedor, actualmente no 60% do valor de tasación.

Medidas de carácter social: habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos, evitar o desamparo das persoas e as familias que están en situacións económicas estremas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG