BNG-NÓS presenta un programa electoral para a situación de emerxencia social e nacional de Galiza

Luís Bará, Olalla Rodil, Noa Presas e Carlos Callón, presentan programa electoral BNG- NÓS

BNG-NÓS presenta un programa electoral para os comicios do 26X deseñado para afrontar a situación de emerxencia social e nacional que afecta a miles de galegos e galegas, situación que non fixo máis que empeorar tras estes cinco meses de lexislatura fracasada.

Luís Bará, Olalla Rodil, Noa Presas e Carlos Callón, presentan programa electoral BNG- NÓSOs cabezas de candidatura, Carlos Callón (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Luís Bará (Pontevedra) e Noa Presas (Ourense) resumiron as medidas máis relevantes dun programa deseñado baixo a premisa de que Galiza ten potencialidades e que os recurso do país deben servir para dar un futuro mellor aos galegos e galegas.

“Un elemento clave do programa é poñer os recursos de Galiza ao servizo do país, para deixar de vivir unha vida pobre nun país rico, e para iso precisamos voz, veto e voto”, salientou Callón, quen subliñou o BNG non da cheques en branco.

“Hai unha cuestión fundamental que nos diferencia das forzas estatais: que non damos cheques en branco, con nós negóciase para chegar a acordos, non para falar de reparto de cadeiras, senón sobre un programa claro a favor de Galiza”, nun escenario sen maiorías absolutas, -dixo-, “no que as enquisas amosan que para conformar un goberno do Estado haberá que contar coas forzas nacionalistas”.

Callón salientou que Galiza non pode quedar muda porque se agravaría a situación de emerxencia, “senón temos unha voz que nos defenda e nos faga valer” como van ter as outras nacións do Estado. “Precisamos ter voz, veto e voto para condicionar as políticas do Estado a favor do país”, recalcou.

poñer os recursos de Galiza ao servizo do país

Entre as medidas concretas, a transferencia da AP-9, e outras infraestruturas de interese xeral viarias, portuarias e ferroviarias. Ademais, medidas de apoio a cultura e a lingua “que é o que nos une e non pode estar discriminada en ningún ámbito”.

Fiscalidade variable para autónomos

Rodil denunciou que a crise económica foi utilizada para recortar dereitos laborais, por iso o programa do BNG inclúe como prioritario “derogar as reformas laborais do PP e do PSOE e poñer a economía a favor das persoas”, incluíndo un plan específico de loita contra a pobreza e a exclusión social.

A candidata por Lugo destacou como medidas “a reforma fiscal progresiva que permita financiar os servizos públicos e unha fiscalidade variable para os autónomos en función dos ingresos sen cotas fixas que son incapaces de afrontar”, indicou. Dentro das medidas fiscais, Rodil salientou as encamiñadas a conseguir que as empresas “que operan en Galiza tributen no país, en particular as que utilizan recursos naturais”.

Igualmente, deixou claro que o Bloque rexeita calquera recorte, e demanda as forzas estatais unha posición clara respecto “das novas reformas e recortes que propoñen desde a UE”.

Con futuro

Pola súa parte, Luís Bará explicou que o programa “servirá para defender en Madrid un cambio profundo do modelo político e institucional, económico e social, por inxusto, corrupto e cada vez máis centralizado”. O candidato por Pontevedra salientou que o programa recolle a confianza do BNG no país.

“Este país ten futuro é o noso programa pode resumirse en dúas palabras: crer e querer. Crer nas potencialidades deste país, e quererlle, terlle amor e confiar nel, querer sacalo adiante e poñer todas as enerxías, recursos e posibilidades para que Galiza conquiste o seu futuro. Hai vai estar sempre o BNG”, argumentou.

Neste sentido, Bará salienta as medidas que afondan no autogoberno, como a creación dunha banca pública que canalice o aforro galego cara familias e empresas, e potenciar sectores estratéxicos como o agrogandeiro, con prezos xustos para os produtores, reparto equitativo das cotas de pesca, apoio ao sector naval e forestal.

Igualmente, medidas para o saneamento e protección integral das rías, incluíndo o traslado de Ence da Ría de Pontevedra suprimindo a prórroga aprobada por Rajoy, e apoio a investigación e desenvolvemento, cun incremento ata o 2% do PIB dos recursos para I+D+i.

Xornada 35 horas e loita contra fraude laboral

A candidata por Ourense lamentou os meses perdidos “en paripés televisivos que agravaron os nosos problemas” mentres “as traballadoras galegas soportamos un marco laboral explotador”. Presas enumerou as medidas en materia laboral, que pasan por un marco laboral galego “no que as mulleres deixen de cobrar menos e de liderar a porcentaxe de traballo temporal e por horas”.

Tamén medidas contra a fraude nos contratos en prácticas, finiquitar as empresas de contrato temporal, aposta pola estabilidade laboral, xornada de 35 anos e racionalizar os horarios comerciais e laborais.

Noa Presas salientou que o BNG inclúe no programa “acabar co terrorismo machista como prioridade política, incorporar o termo feminicidio na lexislación e elaborar un estatuto da vítima”. Dentro dos dereitos das mulleres, o de decidir sobre a súa maternidade, tamén nas menores, e sancións para as empresas que paguen salarios inferiores ás mulleres polo feito de selo.

“Promovemos solucións reais para problemas concretos, solucións que dependen da vontade política”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG