O BNG empeza a traballar coa vista posta nas eleccións Galegas para ser chave na derrota do PP

Reitera que os resultado son “malos” e responsabiliza a PSOE e Podemos de que a dereita saia reforzada do 26X

Mans abertas ás forzas e persoas “que sintan Galiza” e aposten por reforzar un proxecto nacionalista para desaloxar a Feijóo da Xunta

A executiva nacional do BNG cualifica de “malos” os resultados electorais que considera moi insatisfactorios pese ao contexto complicado dos comicios do 26X, convertidos nunha carreira presidencialista cun menú a catro no que Galiza estivo desaparecida pese ao seu esforzo por “galeguizar” a campaña.

Tras unha campaña “digna” e con propostas para o país, a dirección do Bloque considera que o proxecto nacionalista é máis necesario ca nunca e é preciso “consolidar e conseguir que se amplíe” nos próximos meses, ao tempo que lamenta a estratexia seguida por PSOE e Podemos que terminou por reforzar á dereita, “un reforzo que o BNG quere combater cunha mudanza de dinámicas”, explicou a directora de campaña e membro da executiva nacional, Goretti Sanmartín.

Analizados os resultados, o BNG xa pon a vista nas eleccións autonómicas, nas que empeza a traballar de inmediato co obxectivo de ser clave para derrotar ao PP e desaloxar a Feijóo da Xunta.

“Esa é a nosa liña inmediata de traballo coa cabeza posta nas próximas eleccións galegas, que é o que nos ocupa desde este mesmo momento ”, subliñou. Sanmartín chamou a traballar desde a unidade no proxecto nacionalista que representa o Bloque. “A todas as persoas que sintan Galiza e queiran traballar con nós, coas mans abertas para traballar pola derrota desas políticas da dereita”.

O Consello nacional deste sábado empeza a prepararse para a cita electoral de outubro definindo as liñas de traballo e propostas para o programa, convencidos de que Galiza precisa “unha alternativa nacionalista forte”. Sanmartín reiterou que o BNG ten disposición a dialogar “absolutamente con todo o mundo que aposte por afianzar un espazo político construído con forzas que teñan o seu centro de decisión en Galiza”, como se acordou pola militancia na asemblea nacional.

Tras o 26X a dereita sae reforzada “e iso é un elemento de gran preocupación que consideramos debería ser un factor de reflexión para o conxunto das forzas que nos situamos na esquerda e no nacionalismo”, indicou a responsable da executiva.

“O noso empeño é traballar para as eleccións galegas a partir deste momento para conseguir un cambio real no noso país, e nese camiño estamos dispostos a dialogar con todas as forzas e persoas que queiran consolidar un espazo nacionalista”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG