O BNG aposta por sumar nunha candidatura de unidade a tod@s @s que confían nas posibilidades de GZ

Ana Pontón na intervención no acto Proceso Adiante en Pontevedra

Ana Pontón na intervención no acto Proceso Adiante en Pontevedra

O BNG celebrou en Pontevedra, en véspera da simbólica revolución dos cravos, un acto con militantes e simpatizantes dentro do Proceso Adiante de refundación nun momento preelectoral ca previsible repetición das eleccións xerais e o posible adianto das galegas.

Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou na súa intervención a traxectoria política do BNG en defensa de Galiza como a mellor fortaleza para afrontar as citas electorais.

“Dicimos coa cabeza alta que temos pasado, que temos tras de nós unha historia centenaria. Non chegamos de novo, nin vimos coas mans baleiras porque levamos anos aquí dando a cara por este país, defendendo aos galegos e galegas”, salientou Pontón, quen convidou a “mirar con orgullo” ese traballo para “disputar o presente”.

A portavoz nacional ironizou sobre as modas da nova e da vella política: “Nestes tempos en que se puxo de moda falar do novo e do vello, dígovos que a política máis vella de todas é a do rancio centralismo español e a subordinación de Galiza”, convencida de que “ninguén vai vir de fora a sacarnos as castañas do lume”.

Acto Proceso Adiante en Pontevedra

Orgullo do pasado, dixo, “pero sen caer na compracencia”, porque recoñecer os erros é o punto de partida para recuperar o apoio social e electoral. “Asumamos os erros e as dificultades do momento. Existen, mais deben ser aliciente para superalos e abrir unha nova etapa para o nacionalismo e para Galiza”, alegou, ao tempo que pedía a “implicación” das bases no proceso de refundación “con convicción e confianza no nacionalismo e no BNG” para “saír a por todas”.

Neste Proceso Adiante, Pontón aposta por “abrir a organización, mellorar e corrixir os erros” e, ao mesmo tempo, “tecer consensos duradeiros para unir a todas os e as nacionalistas”, convencida de que “a unidade que nos fará avanzar é a unidade das que acreditamos nunha Galiza dona do seu destino”.

As portas dunha probable repetición das xerais e das eleccións galegas, a dirixente do Bloque deixo clara a formula de concorrencia decidida pola militancia: unha candidatura nacionalista.

Ana Pontón na intervención no acto Proceso Adiante en Pontevedra

“Se queremos ser independentes e actuar como os pobos libres, precisamos ter organizacións independentes, cos seus centros de decisión en Galiza. Por iso avogamos por sumar a todas e todos os nacionalistas nunha candidatura común, sen dependencias de forzas estatais. Sen sucumbir aos cantos de serea que nos levan a outros portos que non son os nosos. Unha candidatura común a favor dos galegos e das galegas, que poña fin ao desastre actual. Unha candidatura nacionalista que defenda un futuro de dignidade e igualdade, que aposte por un cambio real das políticas”.

A moral en B de Feijóo

Pontón foi moi crítica cos sete anos de xestión do presidente do PPdeG. “Un Feijóo que ten a súa moral en B, como o financiamento do PP, que sempre traizoa os intereses de Galiza e que gobernou sen corazón”, mesmo minusvalorando dramas como os que denuncian a morte de doentes de hepatite C por non recibir o tratamento acaído. Amosouse convencida de que Feijóo “recibirá a carta de despido” nas urnas.

A portavoz do Bloque tamén fixo unha lectura crítica do escenario político estatal tras o 20D, empezando polas “denominadas forzas da esquerda española” que deixaron claro ao longo destes meses de “xogos florais” que a proclamada prioridade de derrotar á dereita “era un slogan electoral”.

Novo status político

Pontón lamentou que Galiza estivese “desaparecida” no debate, mentres todos os deputados electos polo país “quedaron reducidos a comparsas dos intereses das forzas estatais” agora plasmadas nun bipartidismo a catro que segue ignorando os intereses dos galegos e galegas.

Acto Proceso Adiante en Pontevedra

Para mudar esta situación, o BNG aposta por un novo status para Galiza que pasa por ter as ferramentas propias dunha “nación con dereito a decidir” para defender os sectores produtivos, evitar o espolio do aforro que deixa sen financiamento a empresas e familias, xestionar os recursos enerxéticos, deseñar unha fiscalidade propia e que poña en valor a nosa lingua e cultura, citou Pontón.

“Construír unha axenda co pobo, porque o rescate nacional e social son as dúas caras da mesma moeda”, concluíu, nun acto que contou coas intervencións do alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e de militantes e simpatizantes como Zeltia Pino, -en nome da mocidade de Galiza Nova-, Ramón Regueira, simpatizante sen carné pero que acredita no proxecto que representa o Bloque, e Xosé Manuel Marcote, da Executiva nacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG