Ana Pontón: “Feijóo chegou á Xunta aupado en mentiras, as mesmas que o van quitar do goberno"

Ana Pontón

A portavoz parlamentaria do BNG afirmou que mentres o presidente da Xunta sae cada día no telexornal presumindo de ser o “campión da recuperación económica”, no último ano a taxa de pobreza en Galiza aumentou un 25%, e hoxe hai 702.000 persoas en risco de exclusión social que non chegan aos 600 euros ao mes.

 Ana Pontón pregunta a Feijóo pola situación social e laboral en Galiza

Ana Pontón preguntou hoxe a Núñez Feijóo en que está pesando para falar de recuperación económica e se realmente se acaba crendo as súas propias mentiras. Vostede, dixo, “chegou á Xunta aupado en mentiras e esas mentiras son as mesmas que o van a quitar do goberno en outubro”.

A semana pasada, explicou a portavoz do BNG, mentres vostede andaba polo Caribe, en Galiza coñeciamos os últimos datos de pobreza que o deixan a vostede espido. Si, os do INE, dixo, os do INE do goberno de Rajoy, non vaia pensar que a fonte que lle cito é esa organización revolucionaria que lle dá tantos disgustos e que se chama Cáritas.

Ana Pontón sinalou que no último ano a taxa de pobreza en Galiza aumentou un 25%, e “hoxe hai 702.000 persoas en risco de exclusión social, 702.000 persoas con nome e apelidos que non chegan aos 600 euros ao mes”.

A pobreza tamén afecta ás persoas traballadoras

A portavoz parlamentaria explicoulle a Feijóo que estar en risco de exclusión social significa que moitos país e nais non poden encher a neveira, nin prender a calefacción. Que cada vez que lles chega unha factura da luz, da auga, do gas, se lles pon “o corazón na boca” pero vostede, recalcou a nacionalista, non sabe do que lle estou falando, porque “desde Montepío non ten nin idea do que lle costa a miles de familias deste país, facerse cargo cada mes destes recibos” e desde esa ignorancia, persiste en presumir de ser o “campión da recuperación e proclama a saída da crise”.

Replica de Ana Pontón a Feijóo

Pero hai máis, engadiu Pontón, “a pobreza non só afecta ás persoas que cobran a RISGA”, nin aos parados e paradas que non reciben ningún ingreso porque esgotaron todas as axudas. A pobreza, tamén afecta ás persoas que traballan grazas ao novo perfil creado polo Partido popular: “persoas que teñen traballo pero son pobres porque cobran salarios de miseria que non lles permiten chegar a fin de mes”.

180.000 persoas cobran 2.000 euros ao ano, o que Feijóo cobra nunha semana

A portavoz parlamentaria afirmou que en Galiza hai 180.000 persoas que traballan por un ingreso anual que non chega a 2.000 euros. Todo un ano de traballo e non son capaces de xuntar 2.000 euros señor Feijóo, “o que vostede cobra nunha semana”.

Ana Pontón

Esta é a gran innovación social das políticas do PP, persoas que traballan, pero son pobres e nunha Galiza cada vez máis desigual, onde os salarios non deixaron de caer, ano tras ano, desde que vostede chegou a Xunta en 2009 polo que volveu a preguntar ao presidente en que Galiza está pesando para falar de recuperación económica, ou é que realmente se acaba crendo as súas propias mentiras?.

Feijóo sae cada día no Telexornal presumindo de ser o “campión da recuperación económica”

Tras a reposta de Núñez Feijóo que afirmou que a taxa de pobreza era maior no ano 2009 que na actualidade e que mentres en España a taxa sube en Galiza baixa, a portavoz nacionalista replicou que “pode torturar todo o que queira as estatísticas” pero a realidade na que viven miles de persoas e a que acabo de describirlle e non muda a pesar das “súas mentiras e propaganda”. Vostede o que lle ofrece a toda esta xente é máis do mesmo porque con vostede non hai esperanza, aínda que saía cada día no Telexornal presumindo de ser “o campión da recuperación económica”.Gráfica descenso de salarios

Os datos confirman que Galiza está en emerxencia laboral e social

A parlamentaria tamén mostrou a Feijóo dúas gráficas cos datos do paro dos que dixo, dende o inicio da crise en Galiza emigraron máis de 100.000 persoas e a poboación activa non deixou de caer.

O dato que debe ter en conta señor Feijòo, recalcou Pontón, é que desde que vostede chegou a Xunta hai 100.000 ocupados menos menores de 35 anos, só contando os de 35 anos. Así que “teña a decencia de aforrarnos a súa propaganda por respecto ás miles de persoas que neste país buscan desesperadamente un emprego e non o encontran”.Cómo non imos ter un problema demográfico? Como van ter fillos os 100.000 mozos e mozas obrigados a emigrar porque aquí non teñen futuro?, apostilou.

A portavoz parlamentaria concluíu a súa intervención reiterando que Feijóo chegou á Xunta aupado nas mentiras pero esas mesmas mentiras son as que o van a quitar do goberno en outubro. “Na rúa xa non lle compran a súa propaganda”, a xente normal e corrente deste país, “non sofre o síndrome de Montepío”, porque sabe o que costa chegar a fin de mes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG