Tereixa Paz pide corrixir o borrador de contratos para o leite porque prexudica aos produtores

Tereixa Paz pide que Medio Rural sexa “firme” co Ministerio ante o Decreto de novos contratos para o leite.A deputada nacionalista denunciou as amezas dunha industria láctea “de non recoller o leite” a gandeir@s se os produtores non asumían as condicións impostas pola empresa

Tereixa Paz en Comisión parlamentaria

A deputada do BNG, Tereixa Paz pediu hoxe en comisión, a través dunha pregunta parlamentaria, que a consellería de Medio Rural mostrara “unha postura contundente e firme” ante o Ministerio para corrixir as eivas do borrador do o Decreto de contratos que prexudican gravemente aos produtores/as de leite en Galiza.

A parlamentaria denunciou que ameazas dunha industria láctea a gandeiros “de non recoller o leite” se non aceptaban as condicións económicas da empresa, pon de manifesto o “absoluto fracaso” da política de contratos no sector lácteo e a “pasividade” das administracións ante o dominio das industrias lácteas que converten a súa “palabra en lei” e ameazan aos gandeiros con deixalos a marxe se non acatan as súas condicións.

Se isto é a así agora nun contexto de produción controlada e un mercado, o estatal, deficitario en produción de leite, argumentou Paz, non quero pensar que vai pasar co poder que terán as empresas a partir do mes de abril cando desaparezan as cotas e se produza un exceso de leite no mercado.

Os gandeiros seguen padecendo abusos das industrias e Medio Rural non reacciona

Na actualidade, explicou, 2.000 produtores de leite “nunca asinaron un contrato” a pesar de seren obrigatorios. O 60% das empresas dedicadas a recoller o leite nas explotacións incumpriron a lei e non subscribiron contratos cos gandeiros, circunstancia, dixo, que en ningún momento foi tomada en conta polo Goberno agás cando lle interesou como aconteceu coas ameazas de sancións por sobreprodución mentres a consellería de Medio Rural permanecía “impasible” e os gandeiros/as padecendo “os abusos” das industrias.

Tereixa Paz salientou que todas estas distorsións non son corrixidas no borrador do Decreto do Ministerio e lamentou a actitude de “compracencia” da Xunta ante unha nova agresión aos produtores/as do sector lácteo galego.

A parlamentaria nacionalista emprazou á consellería de Medio Rural a reclamar garantías de negociación para os gandeiros fronte ás imposición e cláusulas abusivas da industria así como o establecemento de mecanismos na Administración para intervir na defensa dos produtores sobre os prezos percibidos pola recollida do leite. A administración, non pode deixar novamente todo ao albur da autorregulación do sector favorecendo ás industrias lácteas, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG