Tereixa Paz pide ao PP que remate coa súa política "errática" contra os incendios

A deputada, Tereixa Paz manifestou que é o momento de facer unha análise crítica da orixe dos incendios e sobre as medidas a adoptar antes de que comece a arder o monte, como todos os anos, e pediu ao Partido popular que abandone o seu empeño nunha  "política forestal errática"

Tereixa Paz

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe, na comisión de Agricultura, abordar a orixe dos incendios, “agora que aínda estamos a tempo” e demandou do Goberno galego atender as 14 medidas do Comité de Defensa do Monte galego remitidas a todos os grupos parlamentarios.

A nacionalista salientou que é necesario un plan estratéxico de xestión do monte galego que marque un cambio na política agro-forestal co consenso de todos os grupos políticos, sociais e en particular dos propietarios forestais porque dende o ano 1992, “non existe un plan anual”, aparte do PLADIGA centrado exclusivamente na extinción no período de alto risco.

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro rexeitou as recomendacións defendidas pola nacionalista afirmando que as medias propostas xa están recollidas pola Xunta de Galiza, “nós quedámonos coa política do Goberno galego e non coa do bipartito do ano 2006”. Balseiro afirmou que o consello forestal de Galiza xa é multisectorial e conta con representantes locais e empresas polo que anunciou o voto en contra do Partido popular á iniciativa do BNG.

Tereixa Paz recrimina ao PP o seu empeño nunha política forestal “estúpida e errática”

Na quenda de réplica, Tereixa Paz respondeu ao voceiro popular que unha vez máis, o Partido popular en materia de política forestal e loita contra os incendios é como os condutores que van en sentido contrario e pensan que os que se equivocan son os que veñen de fronte”.

Tereixa Paz

O PLADIGA, afirmou a deputada, como instrumento de prevención de incendios forestais “non vale para nada porque o publican no mes de xuño e a única prevención son as brigadas municipais para o verán”.

O Comité de defensa do Monte galego o único que está a pedir é que doten de recursos aos concellos para a prevención, para protexer as aldeas e as persoas establecendo franxas nos núcleos rurais, medidas que vostedes “destruíron”. O PP introduciu máis precariedade no dispositivo e todas as modificación que fixo en materia de política de prevención e loita contra incendios forestais son considerados polas persoas, que algo saben diso “verdadeiros retrocesos” porque desprotexeron as agras, os labradíos no medio rural, promoveron a forestación masiva e irracional e manteñen un modelo forestal orientado só a produción de madeira de baixa calidade.

A parlamentaria lamentou que o PP sega mantendo unha política forestal e de loita contra os incendios errática e “denostando a todas aquelas persoas que lles din que están a equivocar”, concluíu.

A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG