Tereixa Paz compara as vacas famélicas coa situación do sector lácteo

A deputada negou que os casos de explotacións abandonadas con vacas famélicas e mortas sexan casos illados, son produto, dixo, das “políticas contra o sector leiteiro galego”

Tereixa Paz no estrado

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu unha moción con medidas urxentes para resolver a situación, cada vez “máis crítica” do sector leiteiro.

Na súa intervención, a parlamentaria comparou o abandono de explotacións con imaxes de vacas mortas e famélicas coa grave crise do sector en Galiza do que dixo, “non son casos illados” polo que volveu reclamar que a Xunta reúna a todos os elos da cadea nunha mesa e obrigalos a aceptar que deben repartir os beneficios da cadea “dunha maneira igualitaria”. O goberno, afirmou, está para utilizar todos os seus instrumentos para obrigar a chegar a acordos cos operadores privados.

Tereixa Paz criticou que a portavoz do PP, Isabel García Pacín, recriminara á oposición por non presentar propostas concretas ao que a nacionalista replicou que sistematicamente o Partido popular rexeita “todas as propostas que presentan os grupos parlamentarios”.

 “Temos que rescatar as explotacións” porque en tres meses moitas se verán obrigadas a pechar e se vostedes queren axudar ao sector impulsen medidas urxentes”. Un Plan de fortalecemento do sector lácteo con medidas a longo e medio prazo “é inútil” se antes non rescatamos as explotacións abocadas ao cerre e por iso propoñemos que a comisión de seguimento sexa complementaria.

O BNG propón enviar leite galego para axuda humanitaria

A parlamentaria preguntou porqué a Xunta non decide, en troques de baixar o prezo do leite, “retirar dous ou tres millóns de litros de leite e envialo para axuda humanitaria”, vostedes, recalcou, “non queren axudar ao sector” e se de verdade queren facelo voten a favor da moción do BNG e dos puntos que recolle como instar á ministra Tejerina a que os galegos e galegas non estamos dispostos a reducir a nosa produción nun miligramo de leite mentres non se reduza no resto da Unión Europea ou é que vostedes prefiren dicirlle aos gandeiros de Galiza que deben deixar de producir o leite e seguir consumindo o que lle sobra aos franceses, alemáns e irlandeses. Ese é o modelo que o Partido popular quere para Galiza?, preguntou.

Intervención da deputada do BNG, Tereixa Paz

A deputada asegurou que a moción nacionalista non representa “grandes custes económicos” e só pretende cumprir con iniciativas aprobadas no propio Parlamento así como garantir os compromisos asumidos noutro ámbitos por diferentes gobernos polo que confiou na unanimidade a favor da iniciativa nacionalista e de non ser así, o Goberno seguirá “minimizando os síntomas” da grave crise do sector lácteo galego con imaxes de explotacións que se ven obrigadas a “deixar morrer o seu gando”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG