O SERGAS nega permisos ao persoal sanitario que outras consellerías conceden

A deputada do BNG, Montse Prado reclamou aplicar o permiso de 3 días por enfermidade, con xustificación médica e sen diminución retributiva” para o persoal que traballa na Sanidade pública como fan noutras consellerías

Montse Prado

A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na comisión de sanidade relativa á negativa do SERGAS a aplicar un permiso de tres días por enfermidade, con xustificante médico e sen diminución retributiva, ao persoal sanitario como están a facer noutras consellerías.

Tras a intervención da directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS, Margarita Baamonde que xustificou a medida contemplada na lei do ano 2012 de medidas temporais ratificada pola Lei de Emprego de Galiza, a nacionalista acusouna de “falta de sensibilidade co seu propio persoal” e insistiu en que “Función Pública e Ensino negociaron acordos específicos para o seu persoal” co fin de actualizar as licencias e permisos. En concreto, dixo, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria actualizou a orde o 24 de febreiro de 2016 na que recoñece os permisos ao igual que a consellería de Facenda coa orde na mesma data, o 24 de febreiro do 2016. Ante esta realidade, dixo Prado, atopámonos que o seu departamento “négase a actualizar as licencias e permisos”.

Vostedes, afirmou a nacionalista “teñen unha falta de sensibilidade co persoal do SERGAS” porque para o Partido popular “os traballadores e traballadoras da Sanidade pública non teñen valor” cando lles é negado o que conceden ao resto do persoal da Xunta de Galiza.

A deputada acusou ao SERGAS de “discriminar” ao persoal sanitario cando existen acordos nas consellerías de Educación e Facenda que actualizaron as licencias e permisos para os seus traballadores e traballadoras.

A parlamentaria lamentou que a directora de Recursos Humanos buscara amparo na lei para negar os permisos dun persoal, dixo, “sobrecargado de traballo e en condicións laborais indecentes” ao que agora deben sumar, a negativa a regularizar os permisos en igualdade de condicións que o resto de persoal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG