O PP rexeita recuperar as Unidades de Xestión Forestal reclamadas polo BNG

A deputada do BNG, Tereixa Paz cualificou ao Partido popular de “sectario” e non ver a necesidade de fomentar a unión dos propietarios e propietarias  da terra cun modelo asembleario  semellante ás UXFOR

Tereixa Paz en comisión parlamentaria

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta do BNG para introducir novamente na regulación, modelos de agrupación do tipo das extintas Unidades de Xestión Forestal destinadas á prevención de incendios e dar solución a unidades produtivas a través de parcelas en común de forma “cooperativa e participativa” dos e das propietarios.

Na defensa da proposición non de lei defendida pola deputada Tereixa Paz na comisión de Agricultura, a nacionalista acusou ao grupo do Partido popular de “sectario” e de non querer ver a necesidade de fomentar a unión dos propietarios e propietarias da terra a través dun “modelo asembleario” semellante ás UXFOR.

O PP non restituirá as Unidades de Xestión Forestal

Pola súa parte, o portavoz popular José Manuel Balseiro defendeu a eliminación das UXFOR, creadas polo goberno bipartito, pola falta de solidez e viabilidade. Para o portavoz popular, as antigas Unidades de Xestión Forestal “non eran axeitadas nin ofrecían garantías xurídicas” polo que anunciou o seu voto en contra a restituír as Unidades de Xestión Forestal ou outro modelo semellante ás UXFOR como reclamaba o BNG.

Tereixa Paz en comisión

Na quenda de réplica, Tereixa Paz cualificou as políticas do Partido popular en materia forestal e para o sector de “ evidente fracaso”. Os procedementos administrativos, explicou a deputada,ofrecen garantía xurídica, cos seus trámites, recursos e prazos e ningunha Unidade de Xestión Forestal tiña rematados todos os trámites administrativos pero tamén é certo que existían “45 unidades en trámite” coa presentación da documentación ante a administración. O Partido popular que “o de prevaricar non lle causa ningún problema”, dixo a parlamentaria, cando chegou a Xunta e a pesar de existir un decreto de procedemento administrativo, “paralizou as tramitacións administrativas” dende o 2009 ate maio de 2010 coa aprobación dun decreto para eliminar definitivamente as UXFOR, iso si que crea “inseguridade xurídica”, recalcou Tereixa Paz.

A deputada reiterou que o Partido popular “non se decata” que nos dous millóns de hectáreas que existen en Galiza co 65% de parcelas de propietarios e propietarias particulares de reducido tamaño, “hai espazo para que cohabiten diferentes formulas de xestión da propiedade en común” pero o Partido popular persiste nunha política forestal e de agrupación do uso da explotación “absolutamente perniciosa para o noso país”.

A proposición non de lei do BNG contou co apoio dos grupos da oposición pero foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG