Montse Prado cualifica de "delincuencia informativa" a ocultación do BNG na TVG

A deputada formulou unha pregunta ao director xeral da CRTVG relativa a falta de información da actividade política do BNG e a súa portavoz nacional e lembrou que o BNG é a “terceira forza política de Galiza”

Montse Prado na comisión de Control da CRTVG

 A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou unha pregunta na comisión de control da CRTVG relativa a “falta de información” na TVG sobre a actividade política da portavoz nacional, Ana Pontón e do propio BNG.

Montse Prado acusa ao titular da CRTVG de practicar “delincuencia informativa”

A deputada trasladou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que o BNG é a “terceira forza política en Galiza” e acusou ao titular do ente de practicar “delincuencia informativa” por furtar a forza nacionalista o dereito a emitir a súa opinión pública ante cuestións relevantes para Galiza. Vostede, dixo, “usa os medios públicos para gloria do Partido popular” e oculta sistematicamente todo o que teña a ver co Bloque Nacionalista galego, iso, reiterou é “delincuencia informativa”.

 Sánchez Izquierdo defende o interese informativo fronte o interese político

Pola súa parte, Sánchez Izquierdo asumiu que calquera grupo político pretenda ter máis minutos na TVG pero os profesionais son os que priorizan o interese informativo sobre o interese político. Sánchez Izquierdo comprometeuse coa deputada do BNG, a revisar as visitas políticas realizadas a diferentes concellos galegos pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e interesarse polas razóns polas que non foron cubertas polos servizos informativos da TVG.M.Prado comisión CRTVG

Na quenda de réplica, Prado reiterou que a CRTVG debe cumprir a Lei no referido ao pluralismo político e representatividade das organizacións políticas e neste sentido, lembrou que só é preciso ver con que noticia abren os telexornais e en que orde da grella figura a información galega. Resulta “abafante”, dixo, como a Televisión pública está facendo “desaparecer a Galiza” e vostede como máximo responsable, “converténdoa en residual”.

A deputada reiterou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón merece o trato informativo que lle corresponde e o BNG ten o dereito a expresar na TVG o que quere pero vostedes priorizan outras informacións, na maioría das veces, foráneas. Se o BNG quere informar da situación dos concellos ten dereito a facelo e se vostedes precisan unha reacción sobre a conformación do Congreso, o BNG tamén se pronunciará pero “a TVG non pode ocultar as nosas alternativas coas informacións que a vostedes lles interesan”.

Montse Prado concluíu afirmando que a TVG sigue impedindo que as posicións políticas do BNG teñan presenza nos medios públicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG