Montse Prado afirma que Sanidade pechará 1.200 camas hospitalarias no verán

A deputada denunciou as graves consecuencias da medida na prestación sanitaria e o emprego e acusou ao Partido popular de “electoralismo” por anunciar que reducirá 34.000 pacientes das listas de espera

Montse Prado, portavoz de Sanidade do BNG  no Parlamento

A parlamentaria do BNG, Montse Prado volveu a denunciar hoxe na Cámara galega o peche de camas hospitalarias durante os meses de verán que superarán as 1.000 e denunciou que a medida do Partido popular incidirá gravemente na prestación sanitaria e nos postos de traballo.

Pola súa parte, o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña non confirmou á parlamentaria o número exacto de camas que sanidade pechará no verán nin cantos quirófanos nin o persoal afectado. O titular de sanidade afirmou que “ as camas nos hoteis son moi importantes pero nos hospitais xa non o son tanto”.

O conselleiro de sanidade non responde ao BNG sobre o número total de camas hospitalarias que pecharán no verán

Na réplica, a nacionalista pediu “valentía” ao conselleiro e que diga como vai resolver o problema das listas de espera. En sete anos do PP na Xunta, dixo a deputada, os orzamentos contan cun 12% menos, elimináronse máis de 2.000 postos de traballo, pecháronse definitivamente ao redor de 800 camas hospitalarias na sanidade pública mentres a sanidade privada conta cun 25% máis das camas. Neste contexto volven a pechar entre 1.000 e 1.200 camas durante o verán.

Montse Prado no escano antes da réplica

A parlamentaria pediu ao conselleiro que deixe de ocultar os datos e informe do número exacto de camas que serán pechadas en que servizos. Vostede, dixo, pretende convencernos de que “con menos camas, menos persoal e menos recursos baixarán as listas de espera en 34.000 persoas”, polo que volveu a preguntar se esa redución será na sanidade pública ou derivando pacientes, “a mansalva” á sanidade privada, en que horario, e con o sen peonadas. Teña a valentía, reiterou de “dicir a verdade” e diga cantas plantas, servizos e quirófanos van ser pechados este verán.

Ante a negativa a responder do conselleiro ás preguntas formuladas pola deputada, Prado cualificou de “propaganda e publicidade do PP” a anunciada redución das listas de espera. “O que non fixeron en sete anos intentan facernos crer que o farán antes das eleccións”, todos os centros de saúde, todas as infraestruturas e rebaixar as listas de espera, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG