[MANIFESTO] República si, pero galega!

republica-galega-2016Frente ao que predica a coñecida máxima, en tempos de tribulacións non facer mudanzas, achamos que precisamente cando máis difícil está a situación, canto máis evidentes son as inxustizas e as desigualdades provocadas por un sistema cruel e corrupto, cando máis profundamente se negan e vulneran dereitos individuais e colectivos, canto máis claramente se cercea a liberdade e a democracia, é cando máis necesario e urxente é afrontar o reto de mudar, de maneira radical, este estado de cousas.

O sistema político e socio-económico español é todo menos un 'Estado social e democrático'. A cada día se mostra máis desvergoñadamente como o que é: un aparello ao servizo da clase dominante, das grandes empresas, da banca e do poder económico. Un sistema corrupto, que nos nega o pan e o sal, que practica sen disimulo políticas antisociais absolutamente crueis e insensíbeis, que elimina dereitos conquistados, expulsa as persoas das súas vivendas e condena a maioría da poboación ao desemprego e á miseria.

Un sistema que nos nega como pobo, que corta as posibilidades de a nosa nación desenvolver todas as potencialidades económicas, que elimina os nosos principais sectores produtivos e con iso millares de postos de traballo, que espolia os nosos recursos e os nosos aforros, que practica unha política sistemática de españolización e asimilación lingüística e que condena toda unha xeración de mocidade sen futuro á emigración e ao desemprego.

Un sistema que, consciente da profunda crise de lexitimidade que padece, non dubida en recorrer sistematicamente a procedementos e lexislacións profundamente antidemocráticas, como a Lei Mordaza, nun inútil intento de frear aos protestos sociais e as reivindicacións nacionais. Aliás, para tentar manterse, simulando que algo muda para non ter que mudar o esencial, acaba de proceder a unha substitución -de forma tan antidemocrática como o fora a anterior- na xefatura do Estado.

Ao pobo galego, aos galegos e galegas que sofren cada día as políticas do goberno español, de nada serve este cambio cosmético. Mais tamén é evidente -témolo dito moitas veces- que unha simples mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos se non rompermos a dependencia á que Galiza está sometida. Para podermos mudar realmente esta situación precisamos de liberdade e de capacidade para decidir en función dos nosos intereses como nación, precisamos de soberanía.

Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado soberano. E por iso tamén, facemos un apelo aos galegos e galegas para ergueren os soños e as esperanzas, -as de cada un/ha de nós, as de todo un pobo-, e para os transformar en realidade. Porque temos dereito a existir como pobo. Porque temos dereito e escribir a nosa propia historia e a construír un futuro diferente do que outros queren para nós, de xustiza, igualdade e liberdade.

E xustamente porque temos dereito ao futuro, erguemos, máis unha vez, a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa república, a República da Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG