A dirección do BNG agradece o traballo dos dous concelleiros que abandonan o concello de Arzúa

A dirección do Bloque Nacionalista Galego, coa intención de contribuír a recuperar a normalidade política desta organización na localidade de Arzúa, anuncia que hoxe presentarán a súa demisión como concelleiros, Ignacio García Couso e Leonardo Bermúdez Taboada.

Esta decisión está fundamentada no feito de non servir a presenza destes concelleiros na corporación municipal como excusa que dificulte a actuación colectiva e homoxénea do grupo de goberno.

Cómpre reforzar un tempo que debe estar guiado pola necesidade de pór en marcha medidas que dean resposta aos graves problemas que hoxe padece a poboación e que sirva para estender e consolidar, dentro e fóra do BNG, a mensaxe do proxecto de transformación social que levamos anos a defender.

Queremos, igualmente, recoñecer o traballo desenvolvido por Ignacio García Couso e Leonardo Bermúdez Taboada na súa longa traxectoria de actividade política en postos de responsabilidade municipal.

Asemade, os organismos do BNG fan un chamamento para realizar un esforzo que fortaleza a organización a nivel local. A importancia do proxecto nacionalista que representa o BNG baséase, a nivel local, na defensa dos intereses das veciñas e dos veciños de Arzúa e, a nivel nacional, no compromiso coa restitución de todo aquilo que os gobernos do PP están a roubar ao pobo galego coa desculpa da crise e coa aplicación dunhas políticas de austeridade que están a eliminar as posibilidades de vivir unha vida digna na nosa terra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG