Davila pide á Ministra "un papel activo" ante a ameaza das industrias de baixar os prezos do leite

FOTOS COMISIÓN PACTO TOLEDO 002A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que demanda á Ministra de Agricultura que realice xestións ante a ameaza das industrias lácteas de baixar o prezo do leite aos produtores.

A deputada do BNG traslada ao Ministerio de Agricultura a necesidade de adoptar un papel activo e de intermediario ante as industrias lácteas polo anuncio de reducir o prezo do leite en orixe. Un anuncio que provocou o temor do sector gandeiro que se está a organizar nunha plataforma que xa celebrou varios encontros en Lugo.

O sector gandeiro adoptou unha serie de acordos ao respeito, e “alegan que non hai razóns para practicar descensos nos prezos do leite como non sexa para que as industrias saquen máis marxe de beneficios”. No caso de que siga adiante, teñen intención de denunciar ante Competencia o que consideran un abuso de poder por parte da industria.

Ademáis, poñen de manifesto que “existen factores chamativos como o feito de que todas as empresas baixen os prezos ao mesmo tempo”.

Un sector con futuro

Davila lembra a loita dos últimos tempos para lograr unha estabilidade nos prezos do leite e subliña que os gandeiros galegos seguen a ser os que perciben os prezos máis baixos. Advirte de que “cada vez que se reducen os prezos lácteos se pón en perigo de peche a moitas explotacións gandeiras que non poden facer fronte aos custes de produción”.

A deputada do BNG sinala que o sector gandeiro arrastra xa os problemas derivados das irregularidades que se están a cometer cos contratos homologados, que ou ben se fan por debaixo do tempo estabelecido ou nin se fan.

De aí que dirixa unha batería de preguntas ao Ministerio de Agricultura para pedirlle a adopción de medidas: “Que xestións vai realizar o Goberno neste tema? Cal é o dispór do Executivo a ter un papel activo e intermediar ante as industrias lácteas a fin de evitar que se vola ao cenario de hai uns anos con constantes baixadas dos prezos do leite que levaron ao peche de miles de explotacións gandeiras?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG