Carme Adán insta á Xunta a resolver as enchentes de Cuntis e o PP vota en contra

A deputada preguntou onde se empregaron 22M€ do Plan Umia previstos para os concellos de Caldas de Reis, Moraña e Cuntis en compensación pola construción do Encoro de A Baxe

Carme Adán en Comisión

A parlamentaria do BNG, Carme Adán instou á Xunta, a través dunha proposición non de lei, na comisión de Ordenación do Territorio a iniciar as accións necesarias para resolver as enchentes no concello de Cuntis provocadas polo caudal que baixa polo río Galo e que afecta gravemente ás vivendas e negocios.

A deputada lembrou que no ano 2011 foi aprobado o Plan Umia cun investimento, entre os anos 2011-2015, de 22 M€ nos concellos de Caldas de Reis, Moraña e Cuntis en compensación pola construción do Encoro de A Baxe, plan que prevía actuacións para un encoro en “óptimas condicións” a través da plantación de eucaliptos co fin de evitar a proliferación de microcistina que tinguía de verde a auga do encoro e provocaba un risco para a saúde dos veciños e veciñas. A día de hoxe, dixo a nacionalista, a única obra realizada é un Tanque de Tormentas no que se investiron máis de 100.000 euros e cuns resultados “lamentábeis”.

Por outra parte, dixo, a corporación municipal de Cuntis acordou en pleno solicitar unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente para tratar os problemas das inundacións na vila e realizar un estudo serio sobre as enchentes. Trala reunión, o director e subdirector descoñecían a situación polo que o alcalde e as forzas políticas representadas no concello de Cuntis trasladaron aos grupos parlamentarios as súas demandas.

A deputada instou á Xunta a realizar actuacións urxentes na conca do río Galo, limpar a conca do río e mellorar as obras de saneamento no Concello de Cuntis e preguntou como foron investidos os 22 millóns de euros do Plan Umia.

Carme Adán

Pola súa parte, o portavoz popular, Jesús Goldar afirmou que xa existe un plan para dotar a Galiza de instrumentos para a xestión de riscos durante o ano 2017 e unha das prioridades do plan foi diagnosticar as areas de perigosidade de risco alto entre as que se encontra a Umia.

Na replica, Carme Adán reiterou que son os propios veciños e veciñas e a corporación municipal os que demandan “medias concretas” para resolver as enchentes en Cuntis e a Xunta só nos responde que “ xa se está a facer” cando é falso xa que nin sequera están contempladas no Plan de xestión de inundacións.

A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG