BNG solicita a comparecencia de Rajoy pola "expropiación dos aforros dos estafados polas preferentes

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, solicitaron hoxe dúas comparecencias pola decisión do Goberno de practicar elevadas quitas aos afectados polas participacións preferentes e subordinadas.

En primeiro lugar, e debido á trascendencia da decisión gubernamental, o BNG solicitou a comparecencia do Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, nun pleno para que informe sobre o acordo do Goberno que ratifica a decisión do FROB de aplicar quitas dunha porcentaxe do 43% de media no caso dos estafados polas preferentes de NCG, Bankia e Catalunya Banc, o que “supón de facto a expropiación dos aforros de miles de pequeños aforradores”.

Carto público para salvar a unha banca que non da crédito e que estafa

A portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, considera necesario que o Presidente do Executivo fale “longo e tendido sobre todas as decisións adoptadas en relación ás entidades nacionalizadas polo FROB como NCG, e outras medidas destinadas á reestructuración do sistema bancario porque resulta que se entregaron inxentes cantidades de carto público, diñeiro pagado por todos os cidadáns, á banca para saneala e salvala máis pechou totalmente o grifo da concesión de créditos. Déronse recursos económicos públicos á banca a cambio de nada, cando debería ir implícita a exixencia de facilitar créditos á cidadanía”.

Davila critica “o entreguismo gubernamental ao sistema financeiro porque o crédito segue sen fluir e o Goberno mira para outro lado mentras aproba estupendos plans para que haxa máis “emprendedores”, o cal casa mal coa falla de crédito”. Ademáis, recalca a deputada do BNG, “o real decreto aprobado o venres polo Consello de Ministros e a decisión do FROB do venres ao serán de aplicar unhas desmesuradas quitas nos afectados polas preferentes é a demostración clara dunha expropiación dos aforros, que resulta especialmente dramática e dolorosa nos miles de casos de afectados en situacións económicas moi difíceis, sen recursos”.

Para Olaia Fernández Davila “máis unha vez o Goberno da as costas aos máis débis, á xente, para protexer só os intereses da banca cando estamos ante o que se podería denominar o corralito español”.

Asemade, o BNG presentou a solicitude de comparecencia do Ministro de Guindos para que acuda á sede parlamentar a informar sobre o Real Decreto Lei de medidas en materia de participacións preferentes e débeda subordinada de entidades de crédito en reestructuración ou resolución e outras medidas de carácter financeiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG