O BNG pide ao goberno galego que rexeite o acordo asinado entre Turquía e a U.E

A deputada do BNG, Montse Prado lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista para reclamar axuda e acollida digna ás persoas refuxiadas e solicitar do Goberno galego o seu rexeitamento ao acordo entre Turquía e a U.E para deportar aos refuxiad@s que chegan a Grecia

Montse Prado

A parlamentaria do BNG, Montse Prado reclamou hoxe o compromiso do Goberno galego para rexeitar o acordo asinado entre Turquía e a U.E e esixir da Unión Europea o cambio radical das súas políticas por outras de axuda e acollida digna das persoas refuxiadas.

A deputada lamentou que o grupo maioritario do Partido popular impedira que prosperara o texto do BNG que recollía entre os seus puntos: “contribuír a un programa de axuda humanitaria cos recursos necesarios para recatar e acoller ás persoas refuxiadas, abandonar as políticas imperialistas de inxerencia e de intervención militar que están detrás desta situación coa retirada das forzas militares estranxeiras dos países de Oriente próximo e Norte de África e respectar a soberanía dos pobos”.

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado

Na súa intervención, a parlamentaria leu a carta do portavoz do BNG no concello de Lugo, desprazado no Porto do Pireo, en Atenas, na que confirma as circunstancias que viven diariamente as persoas refuxiadas, “ aquí hai varios días que non chegan persoas refuxiadas das illas porque están retidos tras o acordo da U.E e Turquía, están desmantelando os campamentos polo tema do turismo xa que aquí chegan os ferrys e non queren que se vexa a imaxe de persoas refuxiadas. Hoxe pola mañá apareceron tres autobuses articulados que a policía encheu de kurdos para trasladalos a campamentos controlados polo exercito en zonas alonxadas da poboación. Os refuxiados e refuxiadas non saben a onde van pero soben porque lle din que é para seguir avanzando cara a Alemaña”. A que lles lembra esta imaxe, preguntou a nacionalista aos membros da cámara galega, unha imaxe entrando en autobuses que noutro momento eran trens. É dramático que a Unión Europea mire para outro lado e consinta esta situación.

O BNG, dixo, a deputada quere poñer o acento na atención destas persoas porque non basta con dicir “que pena”. Hai que mudar de políticas que dan lugar a esta situación. O BNG pronunciouse contra a OTAN e dixo “NON” as políticas imperialistas e militares do pasado, do presente e do futuro, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG