O BNG logra en Vimianzo superar a vella política caciquil cun goberno honesto e eficaz

Reivindica unha liña de avais do IGAPE para financiar a instalación de empresas no parque empresarial e levar ata Berdoias a Autovía da Costa da Morte

VENCE E ANTELO VIMIANZO MERCADOO portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, cualificou de “frutífero” o traballo realizado polo goberno municipal de Vimianzo que preside o alcalde Manuel Antelo, “cunha xestión da que sentirse orgulloso” pese a ter que realizarse nunha lexislatura “moi complicada”.

Nunha visita ao Concello, Vence salientou os dous aspectos que “definen” o traballo do grupo de goberno local: ser capaz de mudar a “vella política caciquil” devolvendo “calidade democrática” á institución municipal, e a aposta “decidida” por dinamizar o tecido económico, cultural e o patrimonio arquitectónico de Vimianzo.

“Pese a estratexia de obstrución da oposición, pese a todas as súas estrataxemas de xudicialización, Antelo e a súa equipa foron superando obstáculos, recuperando calidade democrática e deixando atrás a etapa de goberno da vella política caciquil, de trama de intereses entre o goberno local e intereses espurios”, explicou Vence.

“Unha aposta clara por mudar a vella política caciquil cun goberno honesto, eficaz e dinamizador”, reiterou o portavoz nacional.

VENCE E ANTELO VIMIANZO CASTELO“Dinamización no económico, no cultural, e de servizos apostando por favorecer a implantación de novas empresa no parque empresarial con medidas fiscais propias, - en referencia a bonificación do 95% no imposto do ICIO-, poñendo en valor o patrimonio arquitectónico baixo a dobre perspectiva cultural pero tamén de estímulo do turismo e do comercio local e artesanal, no que castelo é un referente”, enumerou Vence, que tamén quixo salientar a “ampla oferta de ocio e deportiva para a veciñanza”.

O dirixente nacionalista, declarou o “orgullo” do BNG pola xestión da equipa de goberno de Vimianzo, “exemplar e de especial mérito porque hai unha oposición que só practica a obstrución ata o límite, o que non lles impediu desenvolver unha xestión económica eficaz coas contas saneadas, con iniciativa económica, cultural, de ocio e de dinamización do Concello”.

Pola súa parte, Antelo valorou o apoio do portavoz nacional nun contexto de goberno “moi complicado” onde é imposible “conformar acordos” porque se carece de “interlocutor”, e lamentou que a oposición adique todos os seus esforzos a tratar de destruír un goberno en lugar de construír Vimianzo desde as súas posicións. “Lévannos aos xulgados por loitar contra a corrupción, non por ser corruptos”, recalcou, tras agradecer o apoio dos veciños e veciñas.

Reivindicacións

Vence súmase as reivindicacións trasladadas polo alcalde, en particular a demanda de que a Xunta avale, a través do IGAPE, o financiamento de todos aqueles proxectos empresariais solventes que aposten por implantarse no parque empresarial de Vimianzo.

“O concello ten feito un esforzo extraordinario coa redución nun 95% do imposto municipal do ICIO pero, como denuncian os propios empresarios, falta o acompañamento financeiro do IGAPE para facilitar os avais para levar a cabo os investimentos porque, a día de hoxe, o empresariado ten unhas grandes dificultades de financiamento”, explicou, tras asegurar que levarán esta demanda ao Parlamento para que “a Xunta faga a súa parte”.

Igualmente, reclamou a Feijóo que “cumpra cos seus compromisos” e se complete ata Berdoias o trazado da Autovía da Costa da Morte como infraestrutura “vertebradora” de toda a comarca “e non se pode adoptar decisións de fragmentación da obra en función dos intereses da empresa adxudicataria”, denunciou.

Vence amosouse convencido que o exemplo de goberno dos diferentes concellos do BNG na comarca, - Vimianzo, Zas ou Carballo-, terán un recoñecemento nos comicios de maio.

Na visita institucional, ademais na recepción no concello, Vence tivo oportunidade de visitar o mercado municipal, o rehabilitado muíño da Agra e as actividades de comercio artesanal do Castelo de Vimianzo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG