O BNG consigue que a Xunta investigue as deficiencias na extinción do incendio de Fandicosta

Tereixa Paz

A deputada do BNG, Tereixa Paz pediu hoxe ao goberno, a través dunha moción, mudar o actual modelo de emerxencias, prevención e extinción de incendios así como de salvamento ante as deficiencias detectadas nos últimos sinistros

Tereixa Paz defende outro modelo de emerxencias para Galiza

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe unha Moción destinada a mudar “de maneira drástica” o actual modelo de emerxencias en Galiza.

Na súa intervención, a nacionalista afirmou que o recente incendio da empresa de conxelados Fandicosta en Moaña puxo de relevo a “descoordinación entre os diferentes dispositivos” baixo a dirección do 112. Tereixa Paz explicou que esta descoordinación motivou que se alertaran o parque de Ribadumia a 37 minutos da empresa mentres se rexeitou o servizo dos bombeiros de Vigo a 8 minutos, ou de Pontevedra a 16 minutos do sinistro.

 Por outra parte, denunciou que non se adecuou a mobilización de medios ás características do incendio xa que “ nin os bombeiros do Morrazo nin os de Porriño tiñan medios para bombear auga do mar”.

Tereixa Paz

Na moción, explicou a deputada, hai dúas partes diferenciadas, por unha banda a referida á necesidade de investigar o acontecido no incendio de Fandicosta para corrixir os protocolos necesarios e por outro lado a reclamación do cumprimento da Lei para modificar o actual modelo de emerxencias. Neste sentido, engadiu que é necesario homoxeneizar os servizo en todo o territorio e reordenar a estrutura operativa. Tamén reclamou elaborar o regulamento do bombeiro como establece a “Lei aprobada hai nove anos”.

Pola súa parte, o portavoz popular Miguel Tellado aceptou un acordo sobre os puntos referidos á investigación e solicitude de informes ao C112 sobre o incendio de Fandicosta e instar ás deputacións para que presenten os seus informes sobre o futuro modelo de xestión polo que optan. O grupo popular, maioritario na Cámara rexeitou o resto dos puntos incluídos na Moción sobre o cumprimento da Lei de emerxencias para garantir que as persoas, con independencia do lugar no que habiten teñan as mesmas prestacións en caso de emerxencias.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG