O BNG apoia as reivindicacións dos traballadores/as de AGADER

A portavoz de agricultura do BNG, Tereixa Paz transmite, no seu nome e no do BNG a súa solidariedade cos traballadores de AGADER despedidos por ter reclamado os seus dereitos.

Asemade, o BNG quer facer público o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores/as que hoxe mantiveron un peche, xunto a representantes da CIG, nas instalacións da AXENCIA en protesta polos 23 despedimentos inxustificados e que posteriormente foron obrigados a abandonar.

A conselleira de Medio Rural négase a recibir aos traballadores

Os traballadores e traballadoras pretendían con esta protesta solicitar unha xuntanza coa conselleira de Medio Rural ao fin de acadar unha explicación sobre as razóns que motivaron a modificación da RPT e demandar a elaboración dunha nova sen condicionantes discriminatorios.

Para a deputada do BNG, a negativa da titular de Medio rural demostra unha actitude “prepotente” e “despótica” contra un colectivo de traballadores que ao longo de todo un ano veñen soportando constantes discriminacións nos Centros comarcais que impediron o normal desenvolvemento do seu traballo.

O PP penaliza aos traballadores que denuncian

A parlamentaria do BNG asegura que o Partido popular está a utilizar a crise económica como pretexto para seguir xustificando despedimentos así como encubrir “unha limpeza” daqueles traballadores e traballadoras que presentaron denuncia por despedimentos anteriores.

Tereixa Paz pide que a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana rectifique e se comprometa a manter unha xuntanza cos traballadores/as de AGADER co fin de establecer un dialogo e acadar unha solución a situación laboral dos mesmos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG