O BNG acada o acordo unánime para reclamar o traspaso dos servizos de investigación oceanográfica

O deputado do BNG, Daniel Rodas tamén reclamou solicitar as funcións, medios, recursos e persoal correspondentes aos centros costeiros do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, A Coruña é ao Instituto de Investigación Mariñas en Vigo.

Daniel Rodas

O parlamentario do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe, na Comisión de Pesca, unha Proposición non de lei instando á Xunta a negociar ante o Estado español a transferencia a Galiza dos servizos e funcións en materia de investigación oceanográfica así como dos servizos, funcións, medios, recursos e persoal correspondentes aos centros costeiros do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, e A Coruña.

A iniciativa do BNG acadou o apoio  de todos os grupos parlamentarios.

Na súa intervención, Rodas explicou que outras nacións do Estado como Cataluña e País Vasco “hai anos que posúen as competencias nesta materia” e hai máis de 30 anos que o Estado español traspasou ao País Vasco e Cataluña os servizos en materia de investigación oceanográfica polo que volveu reclamar a transferencia e considerou que se hai algunha nación que precisa destas competencias polo volume da súa flota esa é Galiza.

A investigación mariña, engadiu, “é unha peza chave” para o noso país que vive da pesca e neste ámbito debemos contar coas competencias para seguir desenvolvendo actuacións para mellorar os recursos oceanográficos costeiros, os recursos mariños, ou en acuicultura coa produción de sementes así como seguir investigando sobre novas patoloxías que agriden ás especies. Resulta un “despropósito”, recalcou o deputado, que siga sendo Madrid quen decida as cuestións que deben desenvolver a nosa investigación.

O PP vota a favor  da  reclamación do BNG

Pola súa parte, o portavoz popular, José Manuel Balseiro respondeu ao nacionalista que a transferencia reclamada polo BNG é “unha prioridade para o goberno galego” e o seu traspaso permitirá unha maior capacidade para investigación oceanográfica, “nunha rexión coma a nosa”. Balseiro anunciou o voto favorable do grupo maioritario do Partido popular á iniciativa do Bloque Nacionalista galego.

O deputado nacionalista agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios e lembrou que no ano 2012 o PP xa mostraba a súa disposición a pedir a transferencia polo que dixo, “agardemos que no 2016 academos definitivamente as competencias oceanográficas” co acordo acadado hoxe no Parlamento galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG