Allariz, exemplo de goberno honesto, eficaz a favor da veciñanza que o BNG quere estender por Galiza

Vence e Garcia en Allariz

Vence e Garcia en Allariz

Vence e Garcia en Allariz

“Allariz é o exemplo do que se pode aportar á cidadanía cando se goberna con ideas, proxectos e con compromiso coa xente, e representa a imaxe do que o BNG quere ver estendido por todos os concellos do país”, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, na súa visita institucional a este concello, que definiu como “emblema” da maneira de “facer política” do Bloque.

Vence parabenizou ao grupo municipal que lidera Francisco García por un traballo “honesto, eficaz e aos servizo da cidadanía”, que se traduce nun concello “referente” en servizos, infraestruturas, calidade de vida e benestar social para a provincia e para o conxunto de Galiza.

“É un referente do compromiso do BNG coas políticas sociais, en particular cos que máis padecen os recortes desde o Goberno central e desde a Xunta, mantendo calidade de vida e contrarrestar os efectos nefastos das políticas de recorte do PP con programas impulsados desde o Concello”, explicou Vence, tras visitar as instalacións do centro de servizos sociais fogar de maior, onde tivo oportunidade de coñecer as actividades de formación, ocio e deporte para diversos colectivos.

O dirixente nacionalista subliñou o esforzo inversor do concello, que destinará máis de 500.000 euros a programas educativos e de benestar social nos orzamentos de 2015. “O 20% do orzamento de 2015 será para investimento social”, confirmou García, quen definiu Allariz como un concello “para vivir que ten incrementado a súa poboación a través da xeración de emprego e das políticas de benestar social”.

Para Vence, Allariz demostra que un concello “ben gobernado” é capaz de crear tecido produtivo local, crear emprego e dar transformarse nunha vila “singular en niveis de calidade de vida”. “Un municipio recuperado para a cidadanía, con infraestruturas para que todas as persoas teñan un espazo para convivir, formarse e encontrar un emprego, desfrutar do ocio, do deporte, da cultura e con altos niveis de benestar social”.

“Allariz é o emblema das políticas do BNG que serve como exemplo de Goberno municipal fronte ao PP e PSOE, que ofrecen á cidadanía unha xestión rutineira e opaca, en moitos casos marcada pola corrupción”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG