Adán pide a Sanidade que investigue a falta de atención na Interrupción voluntaria do embarazo

A deputada do BNG, Carme Adán pediu que se cumpran os protocolos e que as mulleres non se vexan obrigadas a recorrer a centros privados para seren atendidas nas interrupcións voluntarias do embarazo

Carme Adán

A parlamentaria do BNG, Carme Adán preguntou hoxe ao conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, sobre a falta de atención, por parte do SERGAS, a mulleres en proceso de interrupción voluntaria do embarazo.

A deputada fixo referencia ás denuncias por falta de atención e acompañamento ás mulleres nun momento que elas mesmas, manifestou a deputada, cualificaron de “horror e violencia intolerable” durante o proceso de expulsión do feto polo que pediu ao conselleiro que abra “unha investigación” sobre o acontecido en varios centros dependentes do SERGAS. Si hai mulleres que non están sendo acompañadas por profesionais en todo o proceso de indución e expulsión do feto, “vostede debería ser o primeiro e estar preocupado”.

Carme Adán mostrou ao titular de Sanidade unha das denuncias presentadas no mes de xullo do 2015 dirixida á consellería para informar do ocorrido coa atención integral ao aborto no segundo trimestre de xestación, presentada pola Plataforma galega polo dereito ao aborto e cuxas representantes asistiron ao debate da pregunta parlamentaria do BNG dende a tribuna.

O BNG pide que se investigue o acontecido

Na súa intervención, a parlamentaria denominou como “violencia obstétrica” o sucedido coas mulleres que non foron atendidas no proceso da interrupción voluntaria do embarazo a pesar de que os protocolos internacionais e as leis que recollen os dereitos da saúde sexual e reprodutiva das mulleres obrigan a esta atención. A deputada pediu ao conselleiro que “emita unha orde” para que sexan cumpridos no SERGAS os protocolos porque de non ser así, avanzou a nacionalista, “volveremos a traer esta demanda ao Parlamento” e sairemos a rúa a reclamar que se cumpran os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e que as mulleres na Sanidade pública teñan garantidos todos eses dereitos, “tamén nos abortos no segundo trimestre de xestación”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG