Suicidios por desafiuzamentos: O BNG esixe ao Goberno que actúe xa contra os criminais bancarios

A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, esíxelle ao Goberno “que se deixe de acenos propagandísticos e actúe dunha vez contra os criminais bancarios que están levando a moita xente á morte, como a muller que esta mañá se suicidou en Barakaldo, antes de ser desafiuzada da súa vivenda”.

En concreto, a deputada nacionalista anuncia que o BNG “pide a comparecencia urxente do ministro de Xustiza en Comisión Parlamentar e do presidente do Goberno no Pleno do Congreso para que expliquen as medidas urxentes que van tomar para parar os desafiuzamentos hipotecarios e se teñen previsto tomar medidas de apoio económico e social ás vítimas desta criminalidade bancaria”.

Basta xa de acenos propagandísticos do Goberno

Ademais, Olaia Fernández Davila esíxelle ao Goberno que “se deixe de acenos propagandísticos, e que tome medidas contundentes dunha vez, porque os afectados polos desafiuzamentos hipotecarios levan reclamando medidas para parar esta inxustiza dende hai anos e os Gobernos non fixeron nada”.

Calcúlase que nos últimos dous anos executáronse no Estado español uns 400.000 desafiuzamentos e prevese que se executarán uns 250.000 nos próximos anos.

Apoio do BNG á cadea humana que onte evitou un desafiuzamento en Moaña

Por último, a deputada nacionalista amosa o apoio do BNG á cadea humana que onte evitou un desafiuzamento na vila pontevedresa de Moaña.

“O noso total apoio ás accións cidadás para evitar estas accións criminais dos bancos”, subliñou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG