O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, acusou ao Partido Popular no Día Europeo das Lingua, de “dar as costas á lingua” ao votar en contra dunha proposición non de lei presentada polo BNG na Comisión 4.ª de Educación e Cultura, coa que se buscaba impulsar a presenza do galego nas principais aplicacións móbiles e redes sociais.
Castro salientou que “a realidade é que as persoas empregamos cada vez máis o teléfono móbil, especialmente a mocidade, e o galego debe estar presente tamén nese ámbito”. O nacionalista reprochou ao PP que, en 16 anos de goberno, non dese ningún paso para negociar coa industria tecnolóxica a incorporación do galego, fronte ao exemplo da Generalitat de Catalunya, que logrou que plataformas como WhatsApp, TikTok ou Spotify incorporasen o catalán.
“O PP ou lexisla contra o galego ou opta pola folga de brazos caídos”, afirmou, lembrando que mesmo o secretario xeral de lingua recoñeceu que a Xunta non deu ese paso por considerar “moi custoso” viaxar a California para negociar directamente coas empresas. “Esa visión pequena de Galiza, como se a nosa lingua valese menos, é inadmisíbel”, engadiu.
O deputado nacionalista tamén puxo o foco na mocidade: “Se queremos que os rapaces e rapazas teñan referentes e vexan o galego como algo normal, é fundamental que teñan acceso a el nas plataformas dixitais onde pasan máis horas”. Castro insistiu en que a proposta do BNG buscaba precisamente “dar esa liberdade e opción de empregar o galego”, algo que, lonxe de ser unha imposición, supón “corrixir unha discriminación evidente, xa que hoxe o galego non está dispoñíbel”.
“Se o goberno galego tivese vontade real, xa estaría a traballar nisto. O rexeitamento do PP é a mellor proba de que non queren mover un dedo pola normalización”, concluíu Castro.