Néstor Rego: “A Candidatura da Ribeira Sacra tiña evidentes déficits” e defende que Galiza teña voz na UNESCO

Torrón
Torrón
O deputado do BNG visitou, xunto coa responsábel comarcal e portavoz en Pantón, Rosana Prieto, o deputado no Parlamento galego, Iago Suárez e membros do grupo municipal, o tramo da N-120A entre Torrón e Guítara que adoece dun pésimo estado de conservación

Os Peares, 28 de xullo de 2026. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceu esta mañá no Torrón xunto á portavoz do BNG en Pantón, Rosana Prieto, o deputado no Parlamento galego, Iago Suárez e membros do grupo municipal para evidenciar o mal estado da N-120A entre Torrón e Guítara e demandar ao Ministerio de  Transportes actuacións urxentes para a rehabilitación e reforma deste traxecto.

O portavoz do BNG no Congreso explicou a iniciativa parlamentar rexistrada no  Congreso para poñer fin ao mal estado de conservación deste vial que se agravou cos fortes temporais e chuvias do inverno. Salientou a necesidade de adoptar medidas de calmado do tráfico para dar seguranza aos viandantes como a colocación de lombas para reducir o risco de atropelos. Rego enfatizou que “non son actuación costosas mais necesarias e que so depende da vontade do Ministerio”. 

“A Candidatura da Ribeira Sacra tiña evidentes déficits”

En relación ao novo rexeitamento da UNESCO da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, Néstor Rego afirmou que “BNG apoiou xenerosamente a candidatura, mesmo sabendo que tiña evidentes déficits porque a Xunta gastou en propaganda o que non  gastou en servizos e en dinamizar o territorio, mesmo en preparalo para un potencial éxito desa candidatura, para a valorización do noso patrimonio, recepción de turismo”.

“O resultado”, recalcou, “é o que coñecemos”. O deputado do BNG defendeu que “primeiro hai que poñer as bases dun desenvolvemento nacional do propio territorio e mellorar servizos”. Censurou un proxecto no que “se integra como patrimonio histórico  do pobo galego o que foi resultado do espolio como son os saltos e a industrialización hidráulica. É un erro evidente que salienta o ICOMOS e que tivo en consideración a UNESCO para non aceptar a candidatura”. Para Rego é  fundamental que  Galiza forme parte da UNESCO “para  ter voz directa e defender os nosos intereses.  Iso é posíbel mais o PP se nega”.

Rosana Prieto: “Era previsíbel”

A portavoz do BNG en Pantón, Rosana Prieto, sinalou que “era previsíbel o que aconteceu” e manifestou que “sempre houbo unha man tendida do BNG ás tramitacións mais sufrimos vetos. Xa advertimos que non se pode converter en Patrimonio da Humanidade lugares abandonados como O  Torrón. Faltan os servizos máis básicos”.

Iago Suárez: “PP quer suplir as carencias da comarca cunha Candidatura”

O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Suárez reprochou ao PP que queira “suplir as carencias que ten o territorio cunha Candidatura a Patrimonio Mundial da Humanidade”.

O parlamentar na Cámara galega deixou claro que “non nos opoñemos a este recoñecemento pero o que necesita de verdade a Ribeira Sacra é un Plan integral, interdepartamental que corrixa os problemas como a vivenda, a mobilidade ou o emprego. Non vemos por parte do Goberno galego ningunha estratexia para suplir as necesidades desta comarca que intenta suplir con esta Candidatura que, ademais, está mal feita como se ven demostrando nas últimas reunións da UNESCO”.

 Achegamos audios coas declaracións de Néstor Rego, Rosana Prieto, Iago Suárez. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG