O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes que dea marcha atrás na decisión de suprimir as aulas de Lingua e Literatura Galegas no Instituto público Vicente Cañada Blanch de Londres, un programa educativo que se desenvolve de maneira ininterrompida desde 1991 e que permitiu durante máis de trinta anos que os descendentes da emigración galega puidesen manter o vínculo coa súa lingua e cultura de orixe.
Rego cualifica a decisión como "absolutamente incomprensíbel e incoherente cos compromisos que di asumir o propio Goberno do Estado en materia de protección e promoción das linguas propias distintas do español". Para o nacionalista, "non existe ningunha razón que xustifique eliminar un proxecto consolidado, demandado pola comunidade galega e cun enorme valor cultural e educativo".
O Instituto Vicente Cañada Blanch, dependente do Ministerio de Educación, conta con máis de 400 alumnos e alumnas de distintas procedencias e acolle desde hai décadas numerosas familias galegas residentes no Reino Unido. A través dun convenio entre o Ministerio e a Xunta da Galiza viñan impartíndose as aulas de Lingua e Literatura Galegas como actividade complementaria, un programa que agora desaparecerá por decisión do departamento de Acción Educativa Exterior.
"O Ministerio non pode actuar de maneira unilateral para acabar cun programa que leva máis de trinta anos funcionando con éxito e que responde a unha demanda histórica da emigración galega" denuncia Rego. Neste sentido, exixe ao Goberno explicar publicamente os motivos que sustentan esta decisión e esclareza se foi adoptada sen consenso coa Xunta da Galiza.
Para o deputado nacionalista, a supresión destas aulas "implica un grave retroceso para os dereitos lingüísticos da colectividade galega residente en Londres". "Moitas familias galegas na emigración escollen este centro precisamente porque permite ás novas xeracións manter viva a lingua materna e fortalecer os seus vínculos coa Galiza. Privarlles desta posibilidade é un paso atrás inaceptábel" afirma.
Rego lembra ademais que o ensino do galego no exterior vai moito máis alá da atención á emigración. "A presenza do galego nun centro educativo público en Londres constitúe tamén unha ferramenta estratéxica para a proxección internacional da nosa lingua e da nosa cultura, reforzando ademais a súa conexión natural co espazo da lusofonía" destaca.
O BNG considera especialmente contraditorio que o Ministerio elimine unha iniciativa que contribuía á difusión do plurilingüismo mentres afirma defender a diversidade lingüística. "Se realmente existe un compromiso coa promoción das linguas oficiais do Estado, ese compromiso debe demostrarse con feitos e non eliminando programas consolidados como este" sinala o deputado.