O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado garantir o cumprimento efectivo da Lei 20/2022, de Memoria Democrática na cidade da Coruña e proceder, no ámbito das súas competencias, á retirada das denominacións, honras e símbolos que supoñen un recoñecemento a persoas vinculadas coa ditadura franquista e co espolio do patrimonio público galego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembra que a Lei de Memoria Democrática "non deixa lugar a interpretacións" ao estabelecer a obriga das administracións públicas de retirar calquera elemento que implique a exaltación da sublevación militar, da ditadura franquista ou das persoas que participaron nela. "Máis de cincuenta anos despois da morte do ditador resulta inaceptábel que continúen existindo espazos públicos e distincións honoríficas dedicadas a colaboradores do franquismo" afirma.
A formación nacionalista sinala que na cidade da Coruña fican aínda denominacións e honras dedicadas a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Fernando Álvarez de Sotomayor, a pesar da súa participación acreditada no espolio do Pazo de Meirás. O BNG lembra que o Tribunal Supremo declarou de maneira firme que o Pazo pertence ao patrimonio público e que, tanto a suposta doazón ao ditador como a posterior compravenda foron operacións carentes de validez xurídica, quedando acreditado o carácter fraudulento da apropiación.
"Ninguén que colaborase co espolio dos bens públicos do pobo galego e coa consolidación da ditadura pode seguir recibindo homenaxes institucionais nunha sociedade democrática" sostén Rego. "Manter estas distincións implica unha ofensa á memoria das vítimas do franquismo e un incumprimento evidente da lexislación vixente".
O deputado nacionalista lembra que a principal vía de acceso á cidade continúa levando o nome de Alfonso Molina e que unha das súas avenidas mantén a denominación de Pedro Barrié de la Maza. Ademais, ambos conservan o título de Fillo Predilecto da Coruña e os seus retratos seguen presentes na Casa do Concello de María Pita. "Estas honras non poden seguir normalizándose como se fosen alleas á historia da represión franquista e ao espolio do patrimonio público" denuncia.
Tamén reclama actuacións inmediatas por parte do Executivo estatal sobre aqueles elementos que dependen directamente da Administración do Estado. En concreto, solicita o cambio de denominación do dique de abrigo "Pedro Barrié de la Maza", dependente da Autoridade Portuaria da Coruña e, por tanto, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel.
"O Goberno non pode limitarse a exixir o cumprimento da lei ás demais administracións mentres mantén infraestruturas da súa titularidade con denominacións incompatíbeis coa Memoria Democrática. Debe actuar con exemplaridade e cumprir as obrigas que lle impón a propia lei" subliña Rego.
Así mesmo, o Bloque demanda ao executivo impulsar unha revisión do Catálogo estatal de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática para incorporar todas aquelas referencias que aínda non figuran nel e que continúan presentes no espazo público.