A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, considera o proxecto para o teito de gasto presentado polo Goberno do PP na Xunta unha nova mostra máis da “falta de ambición política” na Xunta e un anticipo duns orzamentos para 2027 “repetitivos” e sen as respostas necesarios aos grandes retos que ten por diante o País.
“Os primeiros datos sobre o teito de gasto evidencian que o Goberno de Rueda segue instalado no conformismo e na falta de ambición política e fan previsible un orzamento para 2027 que non vai servir para rescatar nin os galegos e galegas que peor o están pasando nin os servizos públicos, e que tampouco van servir para avanzar na transformación económica que precisa Galiza”, advirte Presas.
Á espera de analizar o informe económico que se remitirá ao Parlamento, subliña que o propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, recoñece que Galiza precisaría gastar máis e precisa, neste punto, que aínda que o teito de gasto sobe, “non é mérito da Xunta”, pois o incremento responde fundamentalmente ao aumento dos recursos do actual sistema de financiamento, que achega preto de 930 millóns de euros máis, fundamentalmente porque aumentou a recadación estatal.
É por iso que a deputada nacionalista recalca que malia a suba, Galiza continúa cun sistema de financiamento insuficiente para atender as súas necesidades –o Consello de Contas cifra un déficit de máis de mil millóns de euros por ano— e cun presidente Rueda “incapaz de defender os intereses do País” que por servilismo a Génova renuncia a negociar co Estado melloras que permitirían ás galegas e galegos ter unha mellor sanidade, unha educación de máis calidade ou unha mellor atención á dependencia.
“Temos un goberno dobremente secuestrado por Génova que nin sequera quere negociar o novo sistema de financiamento nin tampouco a quita da débeda de arredor de 4.000 millóns de euros pactada polo BNG e que aliviaría moitísimo a carga fiscal que ten Galiza”, afirma Presas, para quen os galegos e as galegas non se merecen un Goberno “coas mans atadas polas ordes do PP de Madrid” e que nin tan sequera explica no Parlamento que é o que vai defender este mércores no Consello de Política Fiscal convocado para abordar un novo modelo de financiamento que é peor aínda que o actual.
Segundo explica a deputada nacionalista, aínda que o teito de gasto presentado cubre a inflación de 2025 “non vai cubrir as necesidades de Galiza para 2027”, fundamentalmente no que ten que ver cos servizos públicos colapsados ou as necesidades sociais crecentes ante unha suba de prezos “imparable” ou a crise da vivenda.
A portavoz nacionalista de Facenda lembra que a proposta do BNG é un modelo de concerto económico que dea a Galiza a chave dos seus cartos e salienta, por outra banda, que a regra de gasto que “tan acriticamente acepta o PP” é “un instrumento perverso porque o Estado, sen ter as competencias máis custosas e importantes para a xente como son o ensino, a sanidade ou a política social, acapara máis capacidade de gasto que Galiza cun marco inxusto e centralista”.