COMUNICADO DA EXECUTIVA NACIONAL DO BNG

Hai que xulgar os Borbóns

Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)
Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)

Comunicado da Executiva Nacional do BNG diante do anuncio Juan Carlos de Borbón en que comunica a Felipe VI a súa decisión de trasladarse “fóra de España”.

Para o BNG é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas.

O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa da Soberanía Nacional e a liberdade da nación galega para se constituír nun Estado soberano, democrático, laico e republicano, a República da Galiza”.

Hai que xulgar os Borbóns

Diante do anuncio da Casa Real de que Juan Carlos de Borbón comunicou a Felipe de Borbón a súa decisión de trasladarse “fóra de España”, a Executiva Nacional do BNG quere manifestar o seguinte:

  1. O anuncio responde a unha previsíbel operación para tentar salvar a monarquía e, especialmente, para desvincular Felipe de Borbón das negociatas e da imaxe de corrupción do chamado 'rei emérito', e iso a pesar das múltiplas evidencias de que o actual Xefe de Estado español estaba ao tanto da actuación de Juan Carlos e de que se beneficiou dela. Entre esas evidencias, o propio comunicado da Casa Real de marzo de 2020 en que se recoñece que Felipe de Borbón sabía das actuacións irregulares do pai e que, a pesar diso, non o comunicou ás autoridades xudiciais.
  2. Os múltiplos escándalos que envolven os Borbóns xa non son ocultábeis. A investigación que abriu primeiro a Fiscalía suíza e posteriormente a do Tribunal Supremo español sobre as comisións cobradas presuntamente de forma ilegal por Juan Carlos en relación co AVE á Meca e as informacións publicadas ao respecto, racharon definitivamente o veo de silencio que historicamente mantivo a prensa española sobre as tropelías do Borbón. Isto obrigou o réxime a idear unha operación de salvamento da monarquía que deu un primeiro paso e marzo e dá agora o segundo.
  3. Dentro desta estratexia está tamén a de tentar controlar a información e a investigación, mesmo que iso supoña lexitimar socialmente a corrupción. Por iso as forzas políticas que sustentan o réxime de 78 se empeñan en impedir a investigación parlamentar sobre as actuacións corruptas dos Borbóns. Cabe lembrar que nos últimos meses o BNG -xunto con outras forzas soberanistas e de esquerda- solicitou até en cinco ocasións constituír unha Comisión de Investigación que foi sistematicamente rexeitada pola Mesa do Congreso. Resulta escandaloso que, co pretexto de que a figura do rei é inviolábel, se ampare a impunidade de presuntos delitos cometidos desde a Xefatura do Estado e se dea carta de natureza á corrupción real.
  4. Todo o que está a acontecer arredor dos Borbóns desacredita aínda máis unha institución como a monarquía que xa de por si é anacrónica e antidemocrática. Non é posíbel sustentar que nunha democracia o Xefe de Estado é hereditario e vitalicio en vez de ser electo polos cidadáns e cidadás. Aliás, no caso do Estado español, a monarquía carece por completo de lexitimidade democrática pois hai que lembrar que foi o ditador Francisco Franco quen nomeou Juan Carlos como sucesor “a título de rei” e que o propio Borbón apelou á “lexitimidade de xullo de 1936” na 'coroación' diante das Cortes franquistas.
  5. Para o BNG é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas. Pretender resolver esta situación cunha operación de imaxe que no fondo é tentar afastar o Borbón do foco de atención mediática -e, se callar, tamén da acción xudicial- non fará máis que reafirmar a evidencia de que o réxime español para se perpetuar opta por seguir tapando e ocultando a corrupción real, a expensas da verdade e da democracia.
  6. En todo o caso, diante desta situación, o BNG reafirma o seu compromiso democrático e republicano expresado no punto 3 da súa Carta de principios políticos, ideolóxicos e de valores: “O BNG defende a Soberanía Nacional e a liberdade da nación galega para se constituír nun Estado soberano, democrático, laico e republicano, a República da Galiza”.

 

Hai que xulgar os Borbóns