O BNG vota en contra do Decreto sobre desafiuzamentos "porque é unha tomadura de pelo"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro no Pleno da Cámara o voto en contra dos nacionalistas galegos á convalidación do Real Decreto Lei de medidas “para reforzar a protección aos debedores hipotecarios”.

“A nosa posición é crítica e votaremos en contra porque o Real Decreto é inxusto, insuficiente e moi limitado, e non aborda o fundamental que é a modificación da Lei Hipotecaria”, enfatizou a deputada do BNG.

Davila reprochou a De Guindos que “intenten calmar a presión social, xudicial e política cada vez maior debido á dramática situación de moitas familias e cidadáns cun Decreto que non arranxa nada porque vostés ceden á presión da banca constantemente”. A deputada do BNG lembrou que “nesta Cámara se debatiron en moitas ocasións nestes últimos anos iniciativas con medidas como as plantexadas polo BNG para afrontar con seriedade o grave problema dos desafiuzamentos”.

Deixan fóra a moitas familias

“É un Decreto insuficiente, inxusto e limitado. Vostés pasaron das medidas recomendadas polos xuices, polos colectivos sociais e polas organizacións políticas e deixaron fórma a multitude de familias e cidadáns que están en situacións moi preocupantes”, afirmou Davila. Hai que lembrar que o Decreto non cambia a Lei Hipotecaria, non contempla a dación en pago, non toca os intereses de demora nen toca o valor de tasación, e por riba, non ten carácter retroactivo co cal fican fóra moitas familias.

A parlamentar nacionalista puxo de manifesto que as medidas do Goberno “non resolven o problema, só quixeron facer unha operación de demostración de que facían algo debido á presión cada vez máis crecente”. Acusou ao PP de “ceder á banca, unha banca que xerou o problema debido á súa usura”. Para Davila estas medidas “son unha tomadura de pelo, nen siquera son un parche”.

Nese sentido, salientou a crítica vertida pola Comisión Europea en relación á Lei Hipotecaria do Estado español que considera inxusta. “Vostés non teñen vontade de cambiar o fundamental que é a Lei Hipotecaria”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG