O BNG vota en contra da lei do PP sobre desafiuzamentos por tumbar a ILP e rexeitar a dación en pago

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, votou na Comisión de Economía en contra do texto de proxecto de lei sobre debedores hipotecarios do Goberno porque desbotou por completo a ILP asinada por 1,5 millóns de cidadáns, rexeitou a dación en pago e é contraria á xustiza.

O PP non só rexeitou totalmente a ILP sobre a dación en pago e os desafiuzamentos, senón que tamén desbotou todas as emendas presentadas polo BNG e outros grupos da oposición.

Na súa intervención, a deputada do BNG defendeu na Comisión de Economía as emendas do BNG á lei de desafiuzamentos en tramitación, que hoxe pasaba o último trámite no Congreso antes de viaxar ao Senado. Unha lei que non foi ao Pleno. . E puxo de manifesto que “aínda mantendo como preferente a alternativa da dación en pago, presentamos outras alternativas ao desafiuzamento como a renegociación da débeda ou a conversión da hipoteca nun aluguer”.

Con estas propostas, subliñou, tamén seguíamos a doutrina da recente sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo que concluía que a normativa española vulnera a directiva sobre protección de consumidores e usuarios. A deputada do BNG explicou as propostas alternativas do BNG, todas rexeitadas polo PP.

Cinismo do PP e frases lamentábeis: “gobernan contra as maiorías sociais”

“Coas nosas emendas ao texto da Ponencia, quixemos facer un esforzo sendo especialmente fieis e respetuosos coa ILP, pero temos que lamentar hoxe o falso xesto do Grupo Popular, o grupo maioristario. Vostés admitiron a trámite a ILP pero para ignorala, para eliminala e desbotala”, enfatizou a deputada do BNG.

Davila criticou ao PP “por ter unha pose inicial para saír ao paso da enorme presión social e política, pero agachaban a súa auténtica xogada, que é facer sempre o que consideran, sen acordos e sen consensos”. A deputada do BNG afirmou que “hoxe é un día de frustración”.

A deputada do BNG censurou “o exercicio de cinismo do PP, porque co seu comportamento non fixeron máis que unha exhibición de prepotencia e desprezo absoluto á sociedade que se movilizou para lograr máis dun millón e medio de sinaturas, dos diferentes ámbitos da xustiza, xuices, avogados e fiscais que claman por unha lei que lles permita impartir xustiza”.

Davila acusou aos deputados e deputadas do PP de “facer ouvidos xordos a todo. Nen se pararon a avaliar as propostas que lles fixemos através das emendas”. O día de onte e o de hoxe, subliñou, “é para sentirse avergoñados”. Acusou ao Goberno de “gobernar contra as maiorías sociais, e coas súas arengas só nos cabe entender que esa xente que non é a súa non a teñen que defender, porque a súa xente é outra”.

“Na súa prepotencia nen siquiera se esforzaron en argumentar. Temos que escoitarlles exabruptos nos medios de comunicación, manifestacións que só podemos censurar, declaracións que se suman ás arengas das lideres políticas do PP e que nos levan a pensar que esta actitude cerril do Goberno e do GP é porque se autoconvenceron de que as persoas que chegan á triste situación de non poder pagar as súas hipotecas é porque no lles votaron”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG