BNG ve nos 83 M€ que a Xunta deixou sen gastar en incendios un exemplo da mala xestión orzamentaria do PP

Noa Presas
Noa Presas
Noa presas acusa á Consellería de Política Social de non executar 72 millóns mentres reclama 30 para atender os nenos e nenas refuxiadas

A portavoz de Facenda,  Noa Presas, defendeu na Comisión de Economía a proposta do BNG para mellorar a planificación e a  xestión orzamentaria da Xunta seguindo as recomendacións que leva anos facendo o Consello de Contas. “Non abonda con ter uns orzamentos, hai que planificar e xestionar ben, e iso é o que non fai o PP”, advertiu Presas remitíndose aos datos oficiais de 2024. “Planifícase mal, execútase peor”, remarcou.

Como exemplo, a deputada nacionalista referiuse aos máis de 83 millóns de euros que a Xunta en mans do PP deixou sen gastar entre 2019 e 2024 de programas de prevención e extinción de incendios e protección civil. “Nin é responsable nin amosa control nin transparencia nin boa xestión”, engadiu tras recordar que Galiza vén de sufrir unha das ondas incendiarias “máis intensas e con consecuencias devastadoras” da súa historia.

Presas denunciou a “distancia sideral” entre o que o PP programa nos presupostos e a “realidade” do que executa e subliñou, ao respecto, que “o orzamento é o instrumento económico máis potente que ten o Goberno galego para mellorar a vida dos galegos en galegas, para facer realidade os dereitos que están las leis e para afrontar os retos da nosa sociedade”.

É por iso que criticou que ano tras ano, de maneira recorrente, queden sen gastar importantes cantidades de recursos que, só no 2024, superaron os 813 millóns de euros. Destacou neste sentido, os 217 millóns sen executar na Consellería de Comercio, Emprego e Emigración, os 126 de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, os 105 de Medio Rural ou os 84 de Economía e Industria.

Destacou, así mesmo, os 72 millóns que a Consellería de Política Social deixou tamén sen gastar “mentres din que Galiza non pode acoller aos menores migrantes porque faltarían 30 millóns de euros”. “Pois miren —remarcou— con 72 millóns de euros sen executar teñen o dobre do que están pedindo como escusa para xustificar a súa falta de vontade política” para acoller a nenos e nenas que foxen da miseria e das guerras.

Na defensa da súa iniciativa, a portavoz de Facenda do Bloque argumentou que o Consello de Contas sinala cada ano que a planificación orzamentaria é deficiente entre outros motivos porque se planifica mal o gasto —especialmente o gasto corrente e sanitario—, abúsase do recurso ao fondo de continxencia e hai un uso excesivo dos contratos menores e das subvencións de réxime de concorrencia competitiva.

Seguindo as recomendacións de Contas, a iniciativa do BNG, que rexeitou o PP, reclamaba o presentación sen demora dun proxecto normativo de reforma e actualización do marco normativo en materia económica e orzamentaria, así como o compromiso a render contas ao Parlamento galego mediante un informe fundamentado, cada vez que unha partida de gasto non acade o 75 % de execución orzamentaria.

Ademais, a proposta de BNG propuña impulsar unha ampliación da información referente ás modificacións orzamentarias, impulsar maior transparencia no uso do fondo de continxencia ou remitir información detallada da planificación plurianual daqueles programas de gasto que exceden o ano orzamentario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG