O BNG responsabiliza á Casa Real, aos gobernos do Estado e ao poder xudicial de frear a devolución do Pazo de Meirás

Luís Bará pide que sexan retirados os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e o Ducado de Franco á familia do ditador e poñer na axenda política galega e no novo goberno a devolución 

O deputado do BNG, Luís Bará avanzou que o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria unha proposta para impulsar a recuperación do Pazo de Meirás ao patrimonio público. A iniciativa reclama: “ Instar ao  novo goberno a poñer en marcha  a demanda civil  para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público galego, que o Parlamento galego manifeste a súa condena ao uso do Pazo para facer apoloxía do franquismo e terrorismo franquista, e accións do  goberno do Estado para retirarlle á familia Franco os títulos nobiliarios do Ducado de Franco e Señorío de Meirás”.

Bará lembrou que, a piques de cumprirse un ano  do acordo unánime no Parlamento galego instando ao goberno do Estado a iniciar as accións para recuperar o  Pazo de Meirás  non se deron pasos para a súa devolución. A familia Franco, manifestou o deputado, “está envalentonada e utiliza o Pazo de Meirás como un fortín e parque temático para a promoción do ideario franquista”, ademais de usar á Administración de Xustiza para perseguir aos que denuncian a corrupción como a Carlos Babío ao que dende aquí, dixo,  trasladamos todo o noso apoio e recoñecemento polo seu  traballo de investigación.

O Pazo de Meirás foi “adquirido, ampliado e reformado con fondos públicos” e durante a Transición legalizado “ese espolio” coa participación  de todos os poderes do Estado. Para o deputado é evidente  esa complicidade coa familia Franco e o franquismo na que a Casa real foi “clave” cando no ano 75 o Rei concede a familia de Franco os  títulos de Señorío de Meirás e  Ducado de Franco.

Por outra parte, o deputado do BNG tamén responsabilizou a todos os gobernos do Estado. O Goberno de Sánchez, engadiu tampouco iniciou ningunha vía para a recuperación do Pazo de Meirás aínda que deron pasos coa elaboración de informes e coa  Fiscalía do Estado á cabeza porque había, explicou unha demanda para ser presentada no mes de marzo deste ano que foi finalmente paralizada “por presións das máis altas instancias do Estado” e  “unha intervención directa da Coroa”.

Ademais, asegurou que a complicidade para defender os intereses da familia Franco tamén vincula  ao Poder xudicial como puidemos comprobar, dixo, coas sentenzas das estatuas de Isaac e Abraham e recentemente co pronunciamento en contra do Tribunal Supremo para exhumar os restos do ditador Franco do Val dos Caídos o que revela “un  clarísimo tufo ideolóxico franquista” e lle da carta de lexitimidade ao afirmar que Franco era o Xefe do Estado dende o 1 de outubro do  36 negando que  existía un goberno lexitimo elixido polas urnas.

O tempo corre en contra dos intereses públicos e a favor da Familia Franco e o BNG non vai parar até “exhumar todo o franquismo que aínda pervive en Galiza” e polo seu principal bastión, o Pazo de Meirás, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG