BNG pide un plan para axilizar a tramitación e resolución dos procesos xudiciais en Galiza

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés  lamentou que o PP “mire para outro lado” e non escoite as demandas dos colectivos afectados  

Para o deputado,  o Plan debe ser responsabilidade da Xunta, o Ministerio e o goberno central    

O portavoz de Xustiza do BNG, Iago Tabarés defendeu unha iniciativa co fin de aprobar “un plan” para axilizar a  tramitación e resolución dos procedementos xudiciais, tras o parón por mor da folga de letrados e letradas.

Tras a intervención da deputada popular, Marisol Díaz Monteira que anunciou o voto en contra da iniciativa nacionalista por considerar que a medida é unha responsabilidade do Ministerio de Xustiza, o deputado lamentou que, unha vez máis o PP “mire para outro lado” e responsabilice ao goberno de Sánchez dun problema que afecta gravemente a normalización da actividade xudicial en Galiza.

O parlamentario do BNG lembrou que o actual presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda durante a folga de persoal de Xustiza, no ano 2018, aseguraba que a resolución implicaba a outras entidades e non exclusivamente á Xunta, agora que a folga compete a un corpo do estado ao implicación é do   Consello do Poder Xudicial, do goberno do estado pero tamén da Xunta porque a folga, explicou o nacionalista,  non só afecta á axenda de sinalamentos, vistas e dilixencias do xuíz, tamén afecta “á tramitación” de demandas paralizadas e iso, recalcou Tabarés,  implica aos corpos de tramitación e auxilio.

En opinión do deputado, debe existir “unha coordinación das tres entidades” acompañada do  consenso dos “operadores xurídicos e  diálogo das organizacións sindicais”. A negativa do Partido popular a esta proposta non é outra cousa, dixo, que a intención do PP de “trasladar a pelota ao Ministerio” para que o goberno do Estado asuma as consecuencias da folga.

O nacionalista urxiu á Xunta a actuar para que o problema na xustiza non se demore seis meses como na folga do 2018, “é preciso poñer enriba da mesa  alternativas” porque a xustiza é “un servizo público que atende ás necesidades dos cidadáns e quen paga os recursos necesarios para esa recuperación tamén é a cidadanía”, afirmou.

O deputado reiterou que a administración de xustiza é un “servizo público esencial”  e o PP non “pode poñerse de perfil” porque os problemas das letradas da quenda de oficio  “van dirixidos, esencialmente,  á Xunta de Galiza” . Sobre o conflito de xuíces, maxistrados e Fiscalía, asegurou que continúa pola “inoperancia” dos diferentes gobernos dende o ano 2009 e negou que as súas reivindicacións  sexan en exclusividade de  carácter salarial xa que entre as súas demandas figura a reclamación de medidas contra a carga de traballo.

Iago Tabarés insistiu en que os letrados e letradas demandan unha reorganización dos grupos de poboación e actualizar os salarios da maxistratura. A folga, de carácter indefinido dende xaneiro a marzo do presente ano, supuxo unha paralización cuasi absoluta das unidades xurisdicionais en Galiza e segundo o propio Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, afecta  a “máis de 17.000 vistas e dilixencias suspendidas e máis de 300 mil  asuntos escritos  pendentes e tramitación”. Entre eses asuntos, a admisión ou incoación de demandas ou mesmos de denuncias, expedición de pagamentos por cumprimento de sentenzas e actuacións para os permisos de saída de persoas privadas de liberdade en centros penitenciarios.

O deputado concluíu a súa intervención criticando a “incapacidade” dos sucesivos  gobernos do Estado para dialogar co colectivo afectado dende o ano 2009 ao que sumou a “incoherencia” da Oficina xudicial galega que compete ao goberno galego pero non así os responsables deste organismo. O razoable  dixo, é que “si a oficina xudicial depende de Galiza tamén o corpo de letrados e letradas dependa da administración autonómica”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG