BNG pide apoiar as investigacións sobre abusos sexuais na Igrexa católica e que Feixóo se poña ao lado das vítimas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil anuncia o  modelo do BNG para a xestión  de residencias e coidados poñendo no centro ás persoas fronte ao negocio da vellez

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil anunciou os asuntos sobre os que o BNG centrará a vindeira sesión plenaria, entre os que destacou, a defensa dun modelo alternativo ao modelo de residencias do PP, unha proposición non de lei sobre os abusos sexuais a menores na Igrexa católica na que pediremos, dixo,  que “Feixóo pare e deixe de facer o ridículo e se poña ao lado das vítimas”, e interpelaremos ao goberno sobre o Plan de Transporte público e a atención presencial nos bancos e contra a exclusión financeira das persoas maiores.

Na sesión de control, explicou Rodil, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  preguntará a Feixóo se vai continuar co “modelo privatizado das residencias” e drenando con cartos públicos ás entidades privadas, con máis de 100M€ ao ano. Neste sentido, avanzou que o BNG defenderá un modelo alternativo de residencias e coidados poñendo no centro ás persoas e non o negocio da vellez.

Outro dos temas da orde do día da vindeira sesión plenaria, decidido tras a Xunta de portavoces, será a proposición non de lei sobre os “abusos sexuais na Igrexa católica”. Pediremos o “apoio explícito ás vítimas e a condena rotunda destes feitos”. No Estado español aínda non foron investigados e grazas a traballos xornalísticos e  denuncias públicas,  o Congreso e a Fiscalía comeza a pronunciarse. Desde o BNG, indicou a nacionalista  instaremos á “Xunta de Galiza a apoiar e colaborar na investigación no ámbito da Igrexa, da Xustiza e institucións públicas e dar soporte e apoio ás vítimas” no proceso de denuncia e recuperación dos danos e secuelas causados por eses abusos sexuais. “Que saibamos foron 1.271 vítimas” no Estado español e volvemos a pedir ao Presidente da Xunta que “pare e deixe de facer o ridículo e se poña do lado das vítimas se ten algo de conciencia”:

No Pleno tamén interpelaremos ao goberno sobre a atención presencial dos bancos e fronte os abusos bancarios, así como o peche incesante de oficinas e caixeiros que están a crear graves prexuízos sobre todo para as persoas maiores que non teñen posibilidades de traballar coa banda dixital e no medio rural.

Por outra parte, o BNG aproveitará a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez, para explicar o Plan de transportes da Xunta de Galiza. Dende o BNG, lembrou a deputada, solicitamos en varias ocasións esta comparecencia tras as denuncias  sobre as irregularidades nas liñas e servizos  de autobús. Ademais, as pequenas e medianas empresas foron excluídas do Plan para favorecer a “tres grandes grupos empresariais” que están a operar cun réxime de oligopolio e incumprindo os pregos dos contratos. “Dende o BNG poremos sobre a mesa a supresión de liñas, horarios, modificacións e cambios da Xunta de Galiza en conivencia con estes grandes grupos empresariais”. Esta  situación, engadiu a nacionalista, está a prexudicar gravemente ás comarcas e poboación galega porque o transporte é esencial para vertebrar o país e “levamos unha década de decisións erráticas” como ven de constatar a sentenza do TSXG anulando as “prórrogas ilegais” asinadas polo Partido popular nos últimos anos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG