O BNG logra un acordo no concello de Vigo para esixir a paralización dos desafiuzamentos

O BNG acadou o respaldo do pleno no concello de Vigo, cos votos a favor do PSOE e en contra do PP, para reclamar a paralización dos desafiuzamentos en marcha e que a nova lei teña carácter retroactivo. Nunha sesión celebrada a petición do Bloque, o portavoz municipal, Santi Domínguez, dixo que as administracións e os responsabeis “teñen que dar exemplo mirando de fronte aos problemas reais da xente e achegar solucións”.

“Por desgraza tivo que haber mortes para que PP e PSOE reaccionaran”, manifestou Santi Domínguez na súa intervención, quen lembrou que en decembro de 2011 o BNG presentou no Congreso unha proposición non de lei sobre a regulación da dación en pago que foi rexeitada tanto por PP como por PSOE.

Precisamente tras a intervención do portavoz dos populares, que evitou citar que formación política fixera esa proposición no Congreso dos Deputados, Santi Domínguez esixiulle “que diga a verdade neste tema”.

Na resolución nacionalista aprobada hoxe ínstase á FEMP e á FEGAM a esixir do goberno central a paralización de todos os desafiuzamentos mentres non se modifique a lei hipotecaria, así como que esta lei teña carácter retroactivo. “Non hai complexidade cando se trata de favorecer á gran banca ou ao capital e establecer axudas aos bancos pero atopan moitas dificultades para que a lei sexa retroactiva”, comentou o nacionalista a respecto dos argumentos que aseguran que a retroactividade é excesivamente complexa.

Dación en pago

Outras das medidas que demanda o BNG é a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda garantizando o aluguer social da mesma sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes, así como a posibilidade de poder converter a hipoteca nun aluguer.

A resolución nacionalista insta á Xunta de Galicia a demandar do goberno do Estado que habilite un fondo económico especial “para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e familias en situacións económicas extremas”, apuntou Santi Domínguez.

Bolsa de vivenda social

Ademais, a proposta do BNG inclúe a creación dunha oficina de asesoramento para familias ameazadas polos desafiuzamentos e dunha bolsa de vivenda social esixindo das entidades bancarias que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social a prezo tasado; e restaurar as axudas ás hipotecas aos afectados das vivendas de Navia.

O Bloque reclama ao goberno local a creación dun servizo para atender ás persoas afectadas polos desafiuzamentos de forma que os servizos sociais estuden a posibilidade de establecer axudas ao aluguer e evitar as situacións extremas como cortes de luz ou auga.

Por outro lado, o portavoz municipal sinalou que o BNG tamén demanda ao goberno vigués a retirada dos fondos municipais das entidades que practiquen os desafiuzamentos, e non volver a estabelecer ningún tipo de concursos ou convenios con estas. Evitar que a Policia Local participe ou colabore en desafiuzamentos e poñer a disposición dos afectados os servizos de consumo e xurídicos do concello co fin de establecer un asesoramento continuado son outras das medidas reclamadas polo BNG e aprobadas no pleno.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG