BNG esixe no Parlamento explicacións a Patrimonio polas obras do túnel de Policarpo Sanz a Paseo de Alfonso en Vigo

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández critica que a directora xeral eluda aclarar se o seu departamento autorizou as actuacións das bocas do corredor subterráneo    
BNG esixe no Parlamento explicacións a Patrimonio polas obras do túnel de Policarpo Sanz a Paseo de Alfonso en Vigo

A deputada nacionalista Alexandra Fernández reclamou no Parlamento galego explicacións á directora xeral de Patrimonio da Xunta polas obras do túnel de Policarpo Sanz a Paseo de Alfonso en Vigo e reprochoulle que eludise aclarar se o seu departamento autorizou as actuacións nas bocas do pasadizo que, situado nunha zona declarada Ben de Interese Cultural (BIC), supoñen un “evidente” impacto sobre a imaxe urbana.

Fernández recordou na súa intervención que segundo a Lei de Patrimonio, esta actuación necesita autorización específica da Xunta -que debe velar por que sexa acorde a criterios de protección patrimonial- e recalcou que “o que sabemos é que a Dirección Xeral de Patrimonio emitiu un informe a nivel subsolo, pero non temos constancia de que emitise informe a nivel solo no seu conxunto, cando o grao de afectación desta intervención ten un impacto evidente e importante, tanto na boca que dá a Policarpo Sanz, como a que dá á rúa Elduayen”, o que evidenciou mostrando varias imaxes.

A deputada nacionalista tamén se referiu ás escavacións arqueolóxicas vinculadas ás obras do túnel e lembrou que un informe valorativo previo determinaba a necesidade de que estas se realizaran no ámbito da muralla do século XVII e que o resto das obras de escavación previstas se acometerían baixo control arqueolóxico. “O que sabemos a este respecto é que non se realizaron estas escavacións no ámbito da muralla, senón que se pararon antes de chegar a esa zona”, reprochou, para advertir a continuación que se está a dar unha dinámica de actuación que consiste en “ir avanzando as obras do túnel e, xa despois, faremos unha valoración nos ámbitos que sabemos que probablemente nos atopemos elementos de valor patrimonial”.

“É unha política de feitos consumados cando o lóxico sería facer primeiro unha valoración do conxunto, ver que afectación vai ter e ver se se autoriza ou non”, criticou, logo de considerar incomprensible que se deixe á marxe do estudo e da valoración do impacto da obra a zona final da rúa Elduayen, onde se atopan precisamente os restos da muralla defensiva histórica e o baluarte da Falperra.

Por último, e en relación ao túnel dos Canos, Fernández apuntou que o coñecido como “Pasadizo” de Policarpo Sanz, que conectaba a rúa dos Canos coa rúa Victoria, foi parcialmente escavado sen que o informe valorativo dea resposta sobre a súa función orixinal e sen que tampouco se aclare na escasa planimetría presentada cales eran as características construtivas nin se inclúa unha sección clara que permita identificar as súas dimensións e a afectación real que terá o túnel sobre este elemento. “A sensación que temos e o que din moitas e moitos arquitectos é que non se sabe o seu valor porque non se ten estudado”, polo que tamén pediu explicacións á directora xeral polos criterios empregados para permitir xa a súa modificación cando aínda se descoñece o seu valor.     
 

BNG esixe no Parlamento explicacións a Patrimonio polas obras do túnel de Policarpo Sanz a Paseo de Alfonso en Vigo