Parlamento Galego

BNG denuncia o incumprimento da Xunta coa Lei Paz Andrade

Iria Taibo
Iria Taibo

A deputada Iria Taibo denuncia que o PP vota a favor pero nunca cumpre coa Lei Paz Andrade

“Falar moito e facer pouco: o PP presume de compromisos cos que logo non se implica”, critica Taibo

A deputada nacionalista Iria Taibo denunciou hoxe ao Partido Popular de exercer “obxección de conciencia” co cumprimento da Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 2014 e froito dunha iniciativa lexislativa popular avalada por máis de 17.000 sinaturas.

Na súa intervención na Comisión 1.ª, Taibo lembrou que a norma establece de forma clara a obriga do Goberno galego de presentar anualmente un informe sobre o seu desenvolvemento. “En dez anos, ese informe nunca chegou a esta Cámara”, denunciou, subliñando que isto revela “a forma do PP de entender a lexislación: aprobar leis que logo non ten vontade de cumprir”.

A deputada nacionalista puxo como exemplo o Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, que foi creado con dez anos de atraso e que, malia contar cun prazo de seis meses para constituírse, leva máis dun ano sen presentar avances concretos. “Non é un capricho formal, é unha obriga legal e un dereito da cidadanía recibir esa información”, recalcou.

Taibo tamén criticou o triunfalismo do PP ao presumir de 5.000 alumnos de portugués en Galiza, unha cifra que cualificou de “escasa e pouco ambiciosa” se se compara coa realidade doutros territorios como Extremadura. “Se realmente cremos nesta estratexia, hai que apostar por máis profesorado, máis oferta nas escolas oficiais de idiomas e máis campañas de divulgación”, reclamou.

“O PP vota a favor das propostas, pero nunca as materializa. O que necesitamos son feitos, non xestos nin anuncios baleiros”, concluíu Iria Taibo, quen instou á Xunta a presentar canto antes o informe anual, desenvolver normativamente a lei e dotar de medios reais á súa estratexia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG