BNG considera que a nova PAC votada onte na Eurocámara é un mazazo para o sector agrogandeiro galego

Ana Miranda e Carme Aira
Ana Miranda e Carme Aira
Ana Miranda e Carme Aira consideran que a nova PAC repite un modelo de favorecer ás grandes explotacións, por non ser sustentable social, redistributivamente nin medioambientalmente
BNG considera que a nova PAC votada onte na Eurocámara é un mazazo para o sector agrogandeiro galego

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada no Parlamento Galego, Carmen Aira, criticaron o resultado do voto de onte na Eurocámara  do paquete lexislativo sobre a Política Agraria Común-PAC  que fora prorrogada ao expirar 31 de decembro de 2020, cun período transitorio até fin de 2022 e que unha vez sexa aprobado polo Consello entrará en vigor no 2023 ( Regulamento sobre os Plans Estratéxicos da PAC,  Regulamento Horizontal e Regulamento sobre A Organización Común de Mercados) por considerar que non ten en conta á realidade do agro galega. Consideran as nacionalistas que o enfoque segue sendo o pagamento por superficie por hectárea e non por produción, e que ese modelo é contrario á realidade galega de pequenas e medianas explotacións agrogandeiras.

Segundo Ana Miranda, o actual deseño do proxecto do Política Agraria Común para o período 2023-2027 “repite o modelo anterior malia que queira disfrazarse de ser unha PAC máis verde, pois non responde aos obxectivos para os que foi creada xa que non é xusta socialmente, nin redistributiva territorialmente, nin mais sostible ecoloxicamente ao favorecer o agrobusiness e por riba volta a concentrar a riqueza e aposta por un sistema clientelista pois o 20% dos receptores da PAC benefícianse do 80% do orzamento total. Considera o BNG que fundamentalmente non  ten en conta a realidade galega de explotación da terra e do gando en pequenas superficies e vertebradora do territorio.

Miranda e Aira sinalaron que “parece mentira” que o BNG teña que lembrar, reiteradamente, “o mesmo xa que en Galiza as superficies das explotacións é moi inferior ao resto do Estado e isto non se ten en conta á hora elaborar a Política Agraria Común”. O sector primario galego “é obxecto dunha discriminación repetida e nefasta” a pesares de que hai moitas persoas e comarcas galegas que viven deste sector e que nesas explotacións están atravesando unha situación moi grave co aumento dos prezos dos insumos que fan difícil a supervivencia”.

Impedir a desigualdade

A deputada no Parlamento Galego,  que acadou recentemente un acordo do Parlamento Europeo sobre a PAC indicou que “o goberno do estado pode e debe modificar esta discriminación e negociar a favor de Galiza” xa que “hai elementos como a denominada converxencia dos valores unitarios que unidos á modificación do número e tipo de rexións pode afondar máis na desigualdade na distribución das axudas xa que a nova PAC vai deixar na man dos Estados o reparto que segue en incertidume a expensas de Madrid”. Alertou de que a PAC seguen perdendo peso no marco orzamentario europeo e non recupera mecanismos de control e regulación pública como ven demandando historicamente o Bloque. “As axudas directas da PAC non deben estar ligadas fundamentalmente ao número de hectáreas senón que debe ser unha axuda por agricultor e agricultora contribuíndo deste xeito a unha maior cohesión social, territorial e medioambiental”, sinalou Carmen Aira.

BNG considera que a nova PAC votada onte na Eurocámara é un mazazo para o sector agrogandeiro galego